O persoal de Navantia doa 1.715 quilos de produtos ao Banco de Alimentos

A empresa realizou unha campaña de recollida nos últimos dez días, á que se sumaron os traballadores que ofreceron as súas cestas de Nadal

O Banco de Alimentos Rías Altas de Ferrol recibiu este martes 1.715 quilos de produtos procedentes de Navantia Ferrol, resultado dunha campaña de recollida que levou a cabo a empresa nos últimos dez días.

Como parte da doazón, a maioría dos traballadores da compañía naval tamén entregou as súas cestas de Nadal, coñecidas como "cartuchos".

O costume da repartición de "cartuchos" fora suspendida en 2012, pero o pasado mes de novembro, a dirección de Navantia levantou a supresión que se fixera efectiva coa firma do cuarto convenio colectivo, anulado este ano pola Audiencia Nacional.

Desta forma, volveuse ao anterior, que recolle o dereito dos traballadores activos e pasivos a recibir de xeito gratuíto no mes de decembro unha cesta de Nadal.

O persoal xa anunciara entón que doaría gran parte destes "cartuchos", co fin de destinalos "ás familias que o están pasando mal", dixo entón Javier Galán, presidente do comité de empresa sobre unha decisión que se fixo efectiva este martes.

Comentarios