Ourense incorpora un novo microscopio cirúrxico para extirpar tumores

O paciente tomará, vía oral, un 'contraste' disolto en auga que absorverán as células canceríxenas que posteriormente adquirirán un ton fluorescente ao aplicar a luz

A xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense investiu 230.000 euros nun novo microscopio cirúrxico para o servizo de neurocirugía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), unha ferramenta que, representa "un gran avance" na extirpación de tumores, segundo detalla a dirección hospitalaria nun comunicado.

O novo equipo está dotado dun módulo de fluorescencia tumoral, o que ofrece un gran avance na delimitación e resección de tumores cerebrais, especialmente dalgúns dos máis frecuentes e agresivos, e que está presente nun reducido número de hospitais en España, destacaron.

Éste complementarase "cun neuronavegador 3D de última xeración, recentemente renovado, ademais dun TAC intraoperatorio, que dará acceso a unha imaxe médica multidimensional en tempo real directamente no quirófano", situando ao CHUO en "un dos servizos de Neurociruxía mellor dotados de Galicia e á vangarda a nivel nacional", precisaron.

Así, para a xefa de servizo de Neurociruxía, Ana Pastor, a nova ferramenta é "de gran utilidade, na complexa abordaxe cirúrxica destes tumores", xa que axudará ao neurociruxano a diferenciar o tecido san do cancerígeno. Para iso, antes da intervención, o equipo administrará ao paciente, por vía oral, un "contraste" ou precursor natural, disolto en auga e totalmente inocuo, que é absorbido polas células canceríxenas e que ao sintetizarse, convértese nunha sustancia fluorescente. Así, ao aplicar a luz, as células tumorais adquirirán un ton fluorescente "que axuda ao cirurxián a diferenciar o tecido san do tumoral, e extirpalo con maior precisión, minimizando danos".

Segundo estas mesmas fontes, o novo equipo ofrece imaxes moito máis nítidas e contrastadas ao contar con dous visores con rotación de 360 graos, que permitirán interactuar co mesmo nivel de visibilidade a dous cirurxiáns.

Fontes sanitarias detallaron que recentes estudos sinalan que o emprego de técnicas de resección tumoral guiada por fluorescencia "logrou unha extirpación media do 99% do volume tumoral". Pero ademais, tamén se destinará a outros servizos, como otorrinolaringología e urología, nas intervencións de tumores.

Comentarios