Unha integrante da Plataforma de Preferentes de Santiago, retida ao dirixirse a Mujica, recorre a multa

Este é o último xuízo ao que se enfrontan as distintas plataformas, que xa gañaron uns 50 recursos a sancións deste tipo

Unha integrante da plataforma de Compostela de afectados polas preferentes, Patricia Carnota, recorreu a multa de 120 euros que se lle impuxo por mor da súa participación nunha protesta "pacífica" que tivo lugar na capital galega en xuño de 2013, durante unha visita do por entón presidente de Uruguai, José Mujica. 

Antes do que é, polo momento, o útlimo xuízo fronte as sancións deste tipo, un grupo de afectados concentráronse ante os novos xulgados de Santiago, onde reivindicaron a necesidade de que se depuren "as responsabilidades económicas e penais dos autores" do que consideran unha estafa.

Carnota relatou que levaba unha camiseta contra a "estafa" das preferentes e que foi retida pola Policía antes de que se puidese dirixir a Mujica. "Non fixen nada, non rompín nada e metéronme nun coche", subliñou, para concluír que a multa de 120 euros que lle foi interposta é "inxusta".

Explicou que a plataforma quería "aproveitar" o acto para trasladar as súas demandas, xa que estaban tanto, o por entón, presidente de Uruguai como o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Sempre vimos a Mújica intentando axudar ao pobo, aos débiles, e que nos vise era a nosa baza", apuntou. "Pero non chegamos nin á praza", explicou Carnota, quen ve claro o intento de "criminalizar" a quen defende os seus dereitos. "Parece que somos nós os culpables, os malos e simplemente estabamos a loitar por recuperar o noso", defendeu.

HAI 50 SENTENZAS FAVORABLES. Por outra banda, Xesús Domínguez, intengrante da tamén plataforma compostelá, sinalou que xa se conseguiron anular 50 sancións a distintos membros das diferentes plataformas, a maioría no Baixo Miño, e manifestou o seu desexo de que esta sexa a última multa que haxa que recorrer. "Ou hai uns excesos de autoridade, un exceso de celo por impedir que os cidadáns recuperen os seus aforros ou hai nula vontade política porque se resolva ao cento por cento a estafa das preferentes", esgrimó, antes de reafirmarse en que máis de 10.000 persoas seguen sen recuperar os seus aforros.

De feito, apuntou que "moitos" xa faleceron e son "os seus herdeiros" os que agora teñen que presentar recursos. "Moitos deles emrigados", apuntou, para engadir que este era outro dos motivos polos que a plataforma intentaba dirixirse a Mujica.

FALTAN 100 MILLÓNS POR RECUPERAR. As plataformas continúan esixindo á dirección de Abanca e aos gobernos do PP no Estado e na Xunta que se depuren responsabilidades, e recordan que, dos máis de 1.800 millóns de euros roubados, faltan por recuperar aproximadamente 100 millóns de 10.000 persoas espoliadas".

"Hai que dicirllo a Escotet, que ten na súa entidade diñeiro que non lle pertence e que hai un goberno da Xunta que está a facer oídos xordos e que é cómplice necesario", agregou Domínguez.

Comentarios