O accidente dun camión de bombeiros corta ao tráfico a estrada entre Chantada e Monforte

O vehículo envorcou este domingo pola tarde na LU-533. Os catro efectivos que ían a bordo —dos que dous resultaron feridos leves— dirixíanse a apagar un lume nunha cheminea no Saviñao

Un camión de bombeiros con catro efectivos a bordo envorcou este domingo pola tarde na estrada LU-533, cando se dirixían a apagar un lume nunha cheminea no Saviñao.

Dos catro ocupantes do camión, dous —piloto e copiloto— tiveron que ser evacuados en ambulancia ao Hospital Comarcal de Chantada. En concreto, o segundo sufriu un golpe nas costas e tiña pequenos cortes.

Como consecuencia do accidente, que se produciu logo da unha da tarde, o tráfico quedou interrompido ata que retiraron o vehículo e limparon a vía.

En canto ao incendio na vivenda do Saviñao, en Escairón, ardeu a cinza acumulada no interior dunha cheminea, que se apagou en poucos minutos sen a necesidade de que interviñesen os bombeiros.

O persoal do Cae 112 Galicia alertou os Bombeiros de Monforte, por se tivesen que substituír os de Chantada nalgunha urxencia, e pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil e dos técnicos sanitarios.

Comentarios