Detido o dono dun bar de Ourense por tráfico de drogas

A policía incautou seis gramos de cocaína, cinco de haxix, unha balanza de precisión, un picador de marihuana e 874 euros en efectivo

Membros da Policía Nacional de Ourense detiveron ao responsable dun bar situado no barrio ourensán de Barrocás por un delito contra a saúde pública tras serlle intervidas varias sustancias estupefaciantes no local, preparadas en bolsas para a súa distribución entre a clientela.

En concreto, a policía incautouse de seis gramos de cocaína, cinco de haxix, unha balanza de precisión, un picador de marihuana e 874 euros en efectivo.

Segundo informou a comisaría provincial, os feitos ocorreron este mércores cando axentes da brigada de seguridade cidadá UPR (Unidade de Prevención e Reacción), en labores de prevención da venda ao "menudeo" e consumo de drogas, realizaron unha inspección nun bar de Barrocás, do que sospeitaban que "trapicheaba" con drogas.

Por mor destes feitos, a Policía denunciou ao local e procedeu á detención e traslado a dependencias policiais do responsable do mesmo para continuar coas xestións oportunas.

O detido é un home de 59 anos, natural de Ourense, do que non constan detencións anteriores.

Comentarios