Detido en Cerceda por tráfico de distintos estupefacientes

Vendía presuntamente cocaína, marihuana e outros produtos psicotrópicos

A Garda Civil detivo no municipio coruñés de Cerceda a un home que presuntamente traficaba con cocaína, marihuana e outros produtos psicotrópicos. Axentes de Ordes, auxiliados por outros de Culleredo, detiveron durante o fin de semana a un residente de Cerceda como suposto autor dun delito contra a saúde pública.

Lograron intervir durante o operativo varias doses de diversas sustancias estupefacientes como cocaína, marihuana e outros produtos psicotrópicos preparados para a súa distribución, informa a Garda Civil a través dun comunicado. A investigación arrincou cunha chamada telefónica na que se deu conta dunha disputa familiar nun domicilio do termo de Cerceda.

Ao chegar os axentes á vivenda puideron comprobar que o agora detido non estaba, pero lograron entrevistarse con veciños e algún parente, que achegaron os datos necesarios para a súa identificación.

O home foi localizado horas máis tarde nas inmediacións do seu domicilio, a bordo dun turismo, e tras ser identificado e revisado o coche, os responsables do operativo policial lograron intervir algo máis de catro mil euros en efectivo, ademais de varias doses de cocaína listas para a súa distribución.

Con esta detención os gardas consideran desmantelado un importante punto de distribución destas sustancias na zona de Cerceda que atendía a área de influencia da Coruña.

Comentarios