Detido un home na Coruña por roubar nun almacén un can e outros efectos

O animal e os materiais furtados foron recuperados ► O arrestado conta con antecedentes penais

Axentes do Corpo Nacional de Policía detiveron a un home na Coruña por un delito de roubo con forza nun almacén, do que subtraeu varios efectos, ademais dun can, segundo informa a Xefatura Superior de Policía de Galicia.  

A detención produciuse na noite do 7 de febreiro cando a Policía recibiu unha chamada indicando que un home estaba a roubar no interior dun baixo usado como almacén.  

Cando os axentes chegaron ao lugar, situado na zona dos Mallos, atoparon a un home que saía do baixo. Preguntáronlle se era o propietario e respondeu que o local era dun familiar. Observaron que dentro do almacén había un can e, na mesma rúa, a uns metros e debaixo dunhas estadas, diversos efectos.  

Nese momento apareceron os propietarios do baixo, que comentaron que instantes antes viran como o home accedía ao interior do local. Ademais, explicaron que o día anterior alguén entrara a roubar.  

Atoparon un dos cristais do baixo fracturado e o interior desordenado e indicaron que ese día se levaron o seu can, ao que deixaran durmindo no interior. Para evitar que volvesen entrar a roubar ata que arranxasen a fiestra, decidiron tapiar o almacén cunhas madeiras e uns cravos de forma provisional.  

Pero, ao pouco tempo, viron que as madeiras estaban no chan e no interior do local había un home, polo que chamaron á Policía. Os donos recoñeceron o can que estaba alí e os efectos que había no exterior, indicando que eran da súa propiedade. O arrestado, de 48 anos, conta con antecedentes policiais.

Comentarios