Detido un veciño de Padrón con máis de 100 gramos de cocaína

O home, de 33 anos e antecedentes policiais, levaba a droga no seu vehículo

A Policía Nacional detivo en Milladoiro (Ames-A Coruña) a un home de 33 anos e con antecedentes policiais por un suposto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas, ao atoparlle no rexistro do seu vehículo máis de 100 gramos de cocaína.

Os feitos sucederon o pasado xoves 8 de outubro en plena calzada á entrada de Milladoiro, nos arredores da capital de Galicia, onde axentes adscritos á comisaría de Santiago interceptaron o vehículo que conducía o detido para evitar "na medida do posible un accidente".

Os axentes detectaron ao individuo, veciño de Padrón, nas inmediacións do que estaba considerado un punto negro de venda de sustancias estupefacientes e, nun vehículo camuflado a escasos metros, procederon a realizar un seguimento. O sospeitoso, que conducía un vehículo de gama alta, comezou a aumentar a velocidade ata o punto que os axentes que o seguían perdérono de vista.

Ao pouco volveron atopalo adiantando a varios vehículos con liña continua e sen respectar os límites establecidos, pondo en perigo a seguridade viaria. Por iso, decidiron interceptalo á entrada de Milladoiro. Cando o condutor parou o coche, emprendeu a fuga a pé, sendo detido posteriormente por un dos axentes.

No rexistro do vehículo atoparon dúas bolsas de cocaína cun peso de 107 gramos e, nun cacheo superficial de seguridade, ao mozo atopáronlle 800 euros e dous teléfonos móbiles. O detido foi posto a disposición do xulgado de garda de Santiago.

Comentarios