Detidos en Santiago por obrigar a exercer a mendicidade a dous cidadáns romaneses

Un home e unha muller son arrestados pola Policía por un delito de trata de seres humanos

Dúas persoas, un home e unha muller, foron detidos por axentes da Policía Nacional de Santiago de Compostela, por un delito de trata de seres humanos con fins de explotación laboral, por obrigar a exercer a mendicidade a varios cidadáns romaneses. A denuncia chegou hai uns días á Comisaría compostelá, onde se presentou unha muller manifestando que estaba a ser obrigada a exercer a mendicidade por unha parella de compatriotas, informou a policía nun comunicado.

Tras o establecemento de varios dispositivos de vixilancia, a policía pescudou a identidade dos agresores e comprobou as condicións nas que vivía a vítima e outros compatriotas. Estes, ademais de verse sometidos a malleiras, debían entregar todo o diñeiro recadado mediante os actos de mendicidade, que efectuaban tanto en Santiago como en localidades próximas.

As pescudas policiais permitiron pescudar que os arrestados captaban persoas no seu país de orixe, ofrecéndolles traballos dignos cos que poder gañar diñeiro honradamente, pero, unha vez en España, eran obrigadas a exercer a mendicidade baixo ameazas e agresións físicas, sinala o relato policial. No caso concreto da muller que logrou escapar e denunciar os feitos, un dos detidos propúxolle viaxar a España para traballar no sector da limpeza, polo que contraeu unha débeda polo prezo da viaxe, que tería que saldar co seu traballo.

Con todo, ao chegar a Santiago, foi obrigada a mendigar "todo o día de xeonllos" e era ameazada e golpeada cando non obtiña o diñeiro suficiente. Os agresores chegaron a espir á muller e rexistrala para comprobar que non escondía diñeiro.

Comentarios