Un incendio calcina parte dunha casa de dúas plantas en Culleredo

A vivenda está situada en Sueiro  Non houbo que lamentar danos persoais

Efectivos dos bombeiros traballaron arreo durante a noite do domingo para extinguir un lume nunha casa de dúas plantas situada á beira da estrada que une as localidades coruñesas de Boiro e Noia, en Sueiro. 

Segundo informou o 112 Galicia, ningunha persoa resultou afectada, pero ardeu a segunda planta do inmoble na súa totalidade e unha sala da primeira planta. 

Pasaban dez minutos das 21.00 horas do domingo cando o persoal do 112 recibiu a primeira chamada de alerta dun particular, que informou dun incendio nunha zona arboredo, en Sueiro. 

A partir dese momento e xa postos en alerta os medios de extinción, numerosos particulares pedían axuda ao 112 Galicia. Ata o lugar, achegáronse, tras ser alertados polo servizo de emerxencias, os Bombeiros de Boiro e os membros do Grumir e de Protección Civil de Noia. 

Tamén, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil, da Policía Local e a dos efectivos do Grumir de Brión. Así mesmo, debido ao incendio, arderon cables próximos á vivenda, polo que tamén se pasou aviso ao persoal do servizo da compañía de electricidade. 

Aínda que os profesionais de extinción continuaron no lugar ata ben entrada a media noite, os bombeiros indicaron ao 112 Galicia que sobre as 22.30 horas do domingo o lume quedou practicamente extinguido.