Investigan a un condutor de Narón que se deu á fuga tras causar un accidente

Alcanzou por detrás a outro coche, que sufriu unha saída de vía e quedou "envorcado sobre un costado" ► Localizado tres horas despois do sinistro, deu positivo en alcol e cocaína

A Garda Civil de Tráfico de Ferrol citou en calidade de investigado a B.F.M., un mozo de Narón de 24 anos ao que se responsabiliza dun accidente acontecido o pasado sábado, tras o cal se deu á fuga. Nun comunicado, o instituto armado apunta que se determinou a súa implicación "tras varios días de investigación".

O suceso aconteceu ás 01.00 horas no punto quilométrico 7,600 da estrada AC-116, que une Ferrol e Valdoviño. O investigado "ausentouse sen deterse" tras o choque, no cal alcanzou "por detrás a outro coche, que posteriormente sufriu unha saída de vía" e quedou "envorcado sobre un costado". No turismo, avanzou a Garda Civil, "viaxaban dúas persoas, unha delas menor de idade, que tras o accidente tiveron que ser trasladadas en ambulancias a un centro hospitalario".

Grazas á "inspección ocular no lugar do accidente e as pescudas posteriores", localizouse "ao sospeitoso, quen tres horas despois do sinistro deu resultado positivo en alcol". Así, chegou a 0,46 e 0,43 miligramos por litro e tamén deu positivo por cocaína no control de drogas.

Deste xeito, a Benemérita investígao por un "suposto delito de omisión do deber de socorro" e por outro referente a pilotar o coche "baixo a influencia de alcol e drogas, os cales están castigados con pena de prisión, multa e privación do permiso de condución". Os feitos foron postos en coñecemento do xulgado de instrución número 2 de Ferrol.

Comentarios