Liberada unha persoa dun vehículo tras sufrir un accidente en Camariñas
Unha persoa tivo que ser liberada do seu vehículo en Camariñas por efectivos de Protección Civil da zona logo de sufrir un accidente. O suceso ocorreu na parroquia de Ponte do Porto. Tratábase dun vehículo sen carné que chocou cun turismo, segundo informaron fontes do 112.
Os servizos sanitarios requiriron a presenza dos bombeiros de Cee xa que, nun primeiro momento, o particular indicou que a persoa estaba atrapada no coche. Finalmente, non foi necesario que interviñesen os membros do parque comarcal.
Unha vez liberada -só foi preciso romper un dos cristais do vehículo-, os servizos de urxencia atenderon á persoa ferida no lugar do accidente. Ademais, participaron no dispositivo os axentes da Garda Civil e o servizo de limpeza e mantemento da vía.