Liberado tras envorcar co seu coche en Muxía

Os bombeiros de Cee acudiron ao lugar do accidente

Os bombeiros de Cee liberaron a un home que envorcou co seu coche no municipio coruñés de Muxía, informa a Axencia Galega de Urxencias.

Esta medianoite un particular avisou ao Centro de Atención ás Urxencias 112 de que se produciu un accidente na estrada AC-440, na saída de Muíños.

Un coche estaba envorcado na cuneta e había unha persoa no interior, consciente pero sen capacidade para moverse, polo que acudiron membros de Protección Civil de Muxía e dos bombeiros de Cee.

Os bombeiros relatan que cando chegaron ao lugar do sinistro atoparon o coche envorcado sobre o teito, retiraron a porta do condutor e evacuaron ao único ocupante.

Unha vez liberado o condutor, foi trasladado polos servizos sanitarios a un centro hospitalario, nun suceso no que tamén colaborou a Garda Civil de Tráfico.

Comentarios