Atrapada unha persoa tras a colisión de dous vehículos na localidade ourensana de Taboadela

O accidente produciuse tras saltarse un dos implicados un sinal de stop

Unha colisión entre dous vehículos na madrugada deste sábado deixou unha persoa ferida no Concello ourensán de Taboadela, concretamente, na saída do Polígono de San Cibrao, dirección Allariz.

O CAE 112 Galicia, grazas a testemuñas que presenciaron o accidente, puido porse en contacto cun dos implicados quen, asegurou, que se saltou un sinal de stop. Así, o 112 Galicia ademais de pedir a intervención dos efectivos do parque comarcal e dos servizos sanitarios, avisou á Garda Civil de Tráfico e ao GES de Pereiro de Aguiar.

Debido ao impacto, un poste da luz tamén se viu afectado, polo que, tamén se pasou aviso ao servizo da empresa subministradora.

O ferido, tras ser liberado polos bombeiros, do interior do vehículo, foi atendido polo persoal sanitario desprazado ao lugar. O accidente tivo lugar sobre as 05: 30 horas da madrugada.

Comentarios