Liberado o condutor dun camión tras sufrir un accidente en Mazaricos

O vehículo pesado, logo de impactar lateralmente cunha camioneta, envorcou interrompendo un dos carriis da vía

Os Bombeiros de Santa Comba excarceraron este venres a un condutor que quedou atrapado no interior da cabina do camión que conducía. Segundo explicaron os servizos de urxencia, o camión, logo de colidir lateralmente cunha camioneta, envorcou interrompendo un dos carriis da vía.

O accidente tivo lugar na estrada que une Pino do Val e Santa Comba, á altura do lugar de Lamasapín, no concello coruñés de Mazaricos.

Nada máis recibir a chamada de alerta dun particular, o CAE 112 Galicia, ademais de pedir a intervención dos efectivos do parque comarcal e dos servizos sanitarios de urxencia, informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Muros.

O servizo de mantemento da estrada encargouse das tarefas de limpeza da vía. O 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as nove da mañá.

Comentarios