Piden dez anos de cárcere para os oito acusados do secuestro do empresario

A Fiscalía defenderá ante a Audiencia Provincial da Coruña, nun xuízo que durará desde este martes ao venres, que os implicados tiñan un "plan preconcibido dirixido a obter 70.000€ da familia"

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolle este martes o xuízo contra oito acusados para os que piden dez anos de prisión polo presunto secuestro dun empresario galego do sector da madeira.

Entre este martes e o venres celebrarase o proceso contra oito persoas que tiñan un "plan preconcibido dirixido a obter a cantidade de 70.000 euros da familia" da persoa retida, segundo afirma a Fiscalía nas súas cualificacións previas.

Os oito procesados foron detidos e permanecen desde entón en prisión provisional en espera do xuízo. A Fiscalía pide dez anos de prisión para cada un por consideralos autores ou cooperadores dun delito de secuestro cos "agravantes de abuso de superioridade e de aproveitamento das circunstancias de lugar que debilitan a defensa do ofendido".

Polo delito de tenencia ilícita de armas a Fiscalía solicita ademais tres anos máis de cárcere para un deles e pola falta de lesións pide doce días de localización para cinco, mentres que a todos ínstaos a abonar 75.000 euros "por danos físicos e morais".

CRONOLOGÍA DOS FEITOS. Segundo a Fiscalía, xuntos "idearon privar de liberdade a un dos irmáns e así esixir diñeiro a cambio da súa liberación" e, aínda que inicialmente o elixido era José Luís, o 18 de xaneiro de 2014 enganaron, supostamente, a Abel. Fixéronlle crer "que tiñan un monte de madeira que podían venderlle", citárono en Montesalgueiro, para despois conducilo ata Aranga, todo na contorna do municipio coruñés de Betanzos.

Alí o empresario viu que era "seguido por outro coche", sempre segundo a Fiscalía, pero cando parou unha persoa sacou un revólver, outra exhibiu unha pistola e entre cinco metérono no maleteiro dun dos vehículos.

No camiño cara a unha "casa abandonada e en ruínas no municipio lucense de Palas de Rei", o presunto secuestrado "logrou zafarse das bridas" que o ataban, pero ameazaron con matalo e suxeitárono máis forte.

A Fiscalía cre que a vítima sentiu auténtico pánico cando escoitou un "tiro accidental" dun dos supostos secuestradores e cando escoitou a seguinte frase: "Tratádeo ben, pero se se pon bobo, catro tiros".

Ao día seguinte, o domingo 19 de xaneiro, os autores do secuestro cambiaron a súa localización ao municipio de Lalín, en Pontevedra, e pediron 70.000 euros á muller do empresario. Este escribiu unha carta á súa familia o martes 21 de xaneiro na que contaba que vivía en condicións extremas e o venres 24 foi liberado.

Comentarios