Rescatan a un home tras un incendio causado por unhas velas en Ferrol

O afectado, de 34 anos, pediu auxilio pola fiestra da súa casa

Un home foi rescatado este sábado en Ferrol por mor dun incendio na súa vivenda, situada na rúa Real, entre a praza de Armas e a praza de Amboage. O afectado, de 34 anos, pediu auxilio pola fiestra, momento no que os propietarios dos negocios próximos subiron con dous extintores á porta da súa casa, que tiveron que forzar, e conseguiron que o home saíse polo seu propio pé, segundo as testemuñas, para finalmente ser trasladado, por precaución, ao hospital Arquitecto Marcide.

O lume, segundo a Policía Local, foi causado por unhas velas acendidas no salón do primeiro piso do edificio, sendo o afectado o único habitante nas catro plantas das que consta o inmoble, polo que só el foi evacuado. O portal atopábase pechado con varias cadeas e un cadeado aínda que, afortunadamente, a propietaria da farmacia Adrio, situada no baixo, contaba cunha chave do mesmo.

Ata a zona achegáronse dous camións de bombeiros de Ferrol, que extinguiron o incendio en apenas unha hora, membros da Policía Local e a Policía Nacional, e unha ambulancia do 061. Ademais dos notables danos que sufriu a vivenda, só a farmacia mencionada se viu afectada, debido á filtración da auga usada para extinguir o lume.

O incendio provocou un gran balbordo á hora do mediodía na céntrica rúa de Ferrol, ata onde se achegaron numerosos curiosos.

Comentarios