Seis detidos por venda de drogas na Coruña

Na operación Castro interviñéronse 470 gramos de cocaína e 150 belotas de haxix e marihuana, que se distribuían en domicilios da zona

Seis persoas foron detidas na Coruña por un presunto delito contra a saúde pública ao integrar unha organización que se dedicaba á distribución de sustancias estupefacientes no barrio dos Castros da cidade.

O Ministerio do Interior informa nun comunicado desta operación, chamada Castro, na que os membros desta rede utilizaban domicilios da zona, incluso un trasteiro, para levar a cabo as vendas de droga.

A investigación, que culminou o pasado 18 de decembro, iniciouse o pasado mes de setembro, cando se detectou por axentes da Policía Nacional a venda de sustancias estupefacientes no barrio dos Castros da Coruña.

Durante o desenvolvemento da operación policial, comprobouse que os agora detidos formaban parte dunha organización dedicada á venda e distribución de cocaína e haxix na zona, tanto a consumidores directos como a intermediarios.

Nesta operación interviñéronse 470 gramos de sustancia, ao parecer cocaína, máis de 150 landras de haxix, marihuana, sustancia de corte, balanzas de precisión e máis de 16.000 euros en efectivo, así como tres turismos de alta gama e numerosos teléfonos móbiles e computadores portátiles.

Os detidos, de entre 25 e 30 anos de idade, foron postos a disposición xudicial. 

Comentarios