Suspendido o xuízo por dúas agresións sexuais a unha nena de once anos

A ausencia dunha das avogadas por enfermidade obrigou a cancelar o proceso

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña suspendeu este xoves o xuízo previsto contra un mozo por dous presuntos delitos contra a integridade sexual dunha nena de 11 anos. A ausencia dunha das avogadas por enfermidade obrigou á sección a cancelar o proceso previsto para este xoves, que será de novo sinalado en breve.

A fiscal afirma nas súas conclusións previas que, a noite do 14 ao 15 de setembro de 2012, unha menor, que entón tiña 11 anos, quedou soa na casa dunha amiga da súa nai e un mozo acudiu ao domicilio coa finalidade de manter relacións sexuais con ela, o que logrou aínda que non de xeito completo. Ao día seguinte a menor acudiu ao domicilio deste mozo e volveu manter con el relacións sexuais, que provocaron un sangrado que a mandou ao hospital, aínda que non foi necesario o ingreso.

A nai da nena presentou denuncia por estes feitos e o Ministerio Fiscal pensa que son constitutivos de dous presuntos delitos contra a integridade sexual polos que pide dúas penas de dez anos de prisión.

A petición inclúe outros dez anos de liberdade vixiada coa prohibición de achegarse ou comunicarse coa menor, ademais da obrigación de participar en programas de educación sexual e 10.400 euros de indemnización para a nena.

Comentarios