Tres feridos nunha colisión entre dous vehículos en Abegondo

Unha persoa tivo que ser excarcerada tras sufrir un accidente de tráfico en Baños de Molgas

Tres persoas resultaron feridas nunha colisión con dous vehículos implicados no municipio de Abegondo. Unha deles atopábase atrapada no coche.

O sinistro tivo lugar na AC-542, á altura de Beldoña, na parroquia de Mabegondo e un particular alertou dos feitos ao 112 Galicia sobre as 13.20 horas deste venres. Desde o Centro de Atención ás Emerxencias informouse a Bombeiros de Betanzos e a Urxencias Médicas, ademais de Protección Civil e Garda Civil de Tráfico.

Unha das vítimas, unha muller, quedou atrapada no seu vehículo, polo que tivo que ser excarcerada por unha dotación dos Bombeiros. Os tres foron evacuados a un centro hospitalario.

BAÑOS DE MOLGAS. Doutra banda, unha persoa resultou ferida nunha saída de vía este venres en Baños de Molgas. A vítima tivo que ser liberada do interior do seu vehículo. O accidente tivo lugar na estrada que une a localidade con Allariz, en Santa Eufemia, na parroquia de Ambía.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 17.30 horas e informou a Urxencias Médicas e a Protección Civil, que mobilizou unha dotación cun equipo de excarceración. Os feitos tamén foron postos en coñecemento da Garda Civil e unha ambulancia desprazouse ata o lugar do accidente para asistir á persoa ferida.

Comentarios