Un fallo eléctrico provoca a evacuación dos residentes dun centro de maiores no Barco de Valdeorras
Os residentes dun centro de maiores situado na Avenida Conde Fenosa no Barco de Valdeorras foron evacuados por precaución na mañá deste venres ao saltar a alarma de incendios do edificio, posiblemente debido a un fallo eléctrico. Así o sinalou o CAE 112 Galicia, que explicou que foi persoal do mesmo centro o que se encargou da evacuación.
Segundo indicaron, non vían chamas nin fume pero solicitaban a presenza dos bombeiros para que comprobasen as instalacións. Por iso, o CAE 112 Galicia, tras a alerta recibida sobre as 10.30 horas, pasou aviso aos Bombeiros de Valdeorras que, unha vez feitas as revisións, comprobaron que un problema eléctrico na campá extractora foi o que provocou que saltase a alarma. Efectivos do GES de Valdeorras e da Policía Local tamén foron informados dos feitos por persoal do 112 Galicia.