Un home acusado de homicidio en Curtis alega que se defendeu nun forcexeo coa vítima

A agresión produciuse o 28 de agosto de 2013. A Fiscalía e a acusación particular piden 19 anos de cárcere

Un home acusado de matar a outro e ferir a outras dúas persoas na localidade coruñesa de Curtis en 2013 alegou este martes que foi agredido polo amigo ao que supostamente matou tras un forcexeo entre ambos. A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este martes a vista oral do xuízo contra un home acusado desa agresión ocorrida o 28 de agosto de 2013 e para quen tanto a Fiscalía como a acusación particular piden 19 anos de prisión, quince deles por un delito de homicidio e catro por lesións.

Segundo a súa versión, o acusado asestou varias puñadas a un amigo tras un altercado nun bar e feriu a dúas persoas cun coitelo, polo que a acusación solicita, ademais, 200.000 euros de indemnización. A Fiscalía sostén que o procesado dixo que a ía "armar" antes de que sucedesen os feitos, que el negou e alegou que foi a vítima do ocorrido.

Durante a súa declaración ante o xuíz, comentou que o seu amigo, ao que supostamente matou despois, asestoulle varias "puñadas" ao longo de "oito ou dez metros" mentres afirmaba: "A min sáeme gratis, eu non pago nada", explicou en alusión a que estaba fóra de prisión por enfermidade.

Entón, segundo a súa versión, intentou arrebatarlle o coitelo co que o estaba agredindo pero caeu ao chan, de onde tratou de collelo cunha man na que apenas ten forza por unha discapacidade. Cando estaban ambos "no chan" produciuse un forcexeo e "aí foi cando se cravou o coitelo" na vítima, ata acabar coa súa vida.

Na liorta tamén resultaron feridas dúas persoas, aínda que o procesado non foi capaz de aclarar con exactitude como se sucederon os feitos que, segundo el, desencadeou "sen motivo" o seu amigo.

Comentarios