Un home morre tras saírse da vía o vehículo que manexaba en Rois

Outro accidente rexistrado en San Cibrao das Viñas saldouse cunha persoa ferida

Un home faleceu na tarde deste luns tras sufrir un accidente co vehículo que conducía pola DP-3302, na Ponte Nova, en Rois. Por razóns que aínda se descoñecen, o condutor perdeu control do coche e saíuse da vía.

Os membros do GES de Padrón liberaron á vítima, que estaba atrapada no interior do turismo, que, ademais, comezaba a arder. Enseguida outros condutores sufocaron as chamas cun extintor e, cando os efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal chegaron ao lugar do accidente, o lume estaba xa extinguido. Así, os membros do GES centráronse en liberar ao condutor, que, a pesar das manobras de reanimación, resultou falecido.

Desde que se recibiu a chamada dun particular ás 13.30 horas, o persoal do CAE 112 Galicia informou aos Bombeiros de Boiro, GES de Padrón, Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas.

ACCIDENTE EN SAN CIBRAO DAS VIÑAS. Doutra banda, ás 14.00 horas, tivo lugar outro accidente en San Cibrao das Viñas no que resultou ferida unha persoa. Tamén neste caso, o vehículo sinistrado saíuse da vía preto das piscinas do Polígono Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas.

A persoa estaba liberada e accesible e o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos bombeiros, GES de Pereiro de Aguiar, Garda Civil de Tráfico e Urxencias Médicas.

COLISIÓN NA CORUÑA. Para rematar, ás 14.40 horas, un camión que transportaba penso e unha moto chocaron na intersección entre a AC-11 e a AC-12, na Coruña. A causa do golpe, se vertieron pola vía líquidos e outros restos que se encargaron de limpar o equipo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento.

Comentarios