Unha casa acaba calcinada na súa totalidade en Boiro

Unha vez sufocado o lume, os servizos de urxencia comprobaron que non había ningunha persoa no seu interior

Un incendio calcinou na tarde deste domingo unha casa na súa totalidade, no Concello de Boiro. Por fortuna, ninguén se viu afectado.

Ao redor das 16:30 horas varios particulares pedían axuda ao CAE 112 Galicia. Indicaban que ardía unha casa no lugar de Escarabote, na AC-305, á altura do punto quilométrico 28. De inmediato, o 112 Galicia informou aos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Ademais, algún dos alertantes indicou que podía haber xente no seu interior. Por iso, púxose en alerta ao persoal sanitario por si fose necesaria a súa intervención, aínda que finalmente, non chegaron a intervir. Unha vez sufocado o lume, os bombeiros comprobaron que non había ninguén no interior da vivenda e confirmaron que ardeu a casa por completo.

Comentarios