Unha explosión nun garaxe da Coruña provoca varios danos materiais
Unha explosión rexistrada nun baixo da rúa Vila de Carral, na Coruña, provocou diversos danos materiais, pero ningunha persoa resultou ferida, segundo informa o 112.
Varias persoas contactaron co 112 ao fío das 13.30 horas deste mércores para alertar dos feitos e algunha delas indicou que estaba a saír unha intensa fumareda polo portalón do garaxe. Outra das persoas que chamou ao 112 indicou que no momento en que se produciu a explosión sentiu como tremía todo o edificio, de tres pisos.
Os bombeiros da Coruña, alertados polo 112, extinguiron o incendio que houbo tras a explosión. Segundo indicaron, arderon residuos e outros materiais almacenados no local. Urxencias Médicas, Protección Civil, Policía Local e Policía Nacional tamén foron avisados.