Unha explosión nun garaxe da Coruña provoca varios danos materiais

Arderon residuos e outros materiais almacenados nun local

Unha explosión rexistrada nun baixo da rúa Vila de Carral, na Coruña, provocou diversos danos materiais, pero ningunha persoa resultou ferida, segundo informa o 112.

Varias persoas contactaron co 112 ao fío das 13.30 horas deste mércores para alertar dos feitos e algunha delas indicou que estaba a saír unha intensa fumareda polo portalón do garaxe. Outra das persoas que chamou ao 112 indicou que no momento en que se produciu a explosión sentiu como tremía todo o edificio, de tres pisos.

Os bombeiros da Coruña, alertados polo 112, extinguiron o incendio que houbo tras a explosión. Segundo indicaron, arderon residuos e outros materiais almacenados no local. Urxencias Médicas, Protección Civil, Policía Local e Policía Nacional tamén foron avisados. 

Comentarios