Unha vaca foxe do matadoiro da Coruña e morre ao caer dunha ponte

O animal provocou un corte de tráfico na principal vía de acceso á cidade

Unha vaca que escapou este luns do matadoiro da Coruña provocou un corte de tráfico na principal vía de acceso á cidade e morreu tras caer dun viaduto.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que acudiu á toma de posesión de Diego Calvo como novo delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, explicou aos medios de comunicación que cando chegaba ao acto viu "unha vaca na avenida de Alfonso Molina" e deu "aviso á Policía Local". "Escapouse do matadoiro e cando estaba a chegar, sobre as doce menos cuarto, vina", apuntou e engadiu que o animal causou "danos en numerosos vehículos".

Os axentes capturaran á res, que se volveu escapar, e tiveron que cortar Alfonso Molina, a principal vía de entrada e saída da cidade.

Finalmente a vaca caeu do viaduto das Paxarelas e faleceu no acto, aínda que non sen antes provocar máis danos en vehículos "dos que se debería facer cargo o matadoiro como responsable", dixo o rexedor.

Comentarios