Xulgan a Nicanor Acosta por intentar parar o desafiuzamento dunha octoxenaria

O activista coruñés de 75 anos enfróntase a un xuízo por suposta "instigación" á protesta que impediu o desaloxo

O activista coruñés de 75 anos Nicanor Acosta enfróntase este martes a un xuízo pola suposta "instigación" á protesta que impediu o desafiuzamento dunha octoxenaria na Coruña en 2013.

Acosta, recentemente nomeado Republicano de Honra 2015 e que foi no número dezanove da lista electoral da Marea Atlántica, é un exsacerdote moi coñecido na cidade pola súa loita incansable pola igualdade de dereitos e pola súa denuncia constante das desigualdades e as inxustizas sociais.

En febreiro de 2013 acudiu co seu eterno megáfono ao intento de desafiuzamento á octoxenaria Aurelia Rey no que multitude de persoas foron sancionadas, entre elas un dos bombeiros, Roberto Rivas, que se negou a participar, que foi multado con seiscentos euros.

Había múltiples activistas de STOP Desafiuzamentos, coñecidos militantes da CIG e o entón concelleiro do BNG na Coruña e portavoz do grupo municipal, Xosé Manuel Carril, que tamén recibiron unha multa pola mesma cantidade.

A maioría recorreron e é Nicanor Acosta quen leva á administración a xuízo por considerar inxusta a sanción, xa que asegura que el se limitou a contar polo seu megáfono o que ocorría.

Este martes a partir das 10.00 horas o edificio Proa acollerá, nun xulgado contencioso-administrativo, o proceso co que Acosta pretende que se lle retire a sanción, aínda que na maioría dos casos previos, a xustiza deu a razón á Policía e á Delegación do Goberno en Galicia.

En todo caso, membros da plataforma STOP Desafiuzamentos e outros cidadáns que se solidarizan coa súa causa adoitan contribuír economicamente para facer fronte a este tipo de multas.

Comentarios