lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

O poeta confinado

HAI UNHAS semanas faláballes de Ossip Mandelstam como exemplo de que todo o que vai mal pode ir peor, pero quizais non sexa o caso máis acaído para a situación que estamos a vivi
Vicente Aleixandre
Vicente Aleixandre

TAMPOUCO O que está máis preto de nós e co que máis nos podemos identificar, xa que este galardón corresponde a Vicente Aleixandre, Premio Nobel de Literatura en 1977.  A súa Poesía completa  publicouse en edición popular xusto antes de que comezase esta corentena. A edición en tapa dura levaba o selo de Lumen e temos que recoñecer a sorte de contar nas librarías con volumes que achegan ao gran público a un prezo asequíbel a lírica dos mellores poetas españois do século XX.

A estas alturas sería absurdo que un crítico calquera nun medio calquera tratase de innovar na literatura sobre Aleixandre: temos que nos limitar a expoñer e admirar. Nado en Sevilla en 1898, foi un dos eixes da chamada Xeración do 27, pero levou unha traxectoria lixeiramente distinta a causa da enfermidade. Pouco despois de cumprir os trinta anos contraeu unha tuberculose renal, un mal provocado polo infame bacilo de Koch para o que apenas existía solución antes dos antibióticos. Estivo anos deitado nunha cama, envolto en vendas, extirpáronlle un ril e a piques se viu de finar en varias ocasións.

Aquela maldición quizais impediu outras: dende a cama non podía facer política e a súa bisexualidade, agora recoñecida por case que todos, non era un risco dende o punto de vista social como ocorreu co seu gran amigo Federico. Namentres outros compañeiros —como Cernuda ou Manolo Altolaguirre— tomaban o camiño do exilio, Aleixandre pasou a guerra e a posguerra sen que o molestasen no seu leito de enfermo. Foron padecementos ben distintos e o exilio interior de Aleixandre non foi pouco doloroso. Iso si, foi produtivo para as nosas letras, xa que pola casa de Velintonia 3 pasou todo aquel que quixo ser alguén na lírica española entre 1940 e 1980 e atopou un mestre e unhas verbas de alento.

Aleixandre, a pesares da fama lorquiana, pódese considerar o grande poeta do surrealismo español, o que chama poderosamente a atención ao lector actual, xa que nós non vemos as súas imaxes —como as doutro dos popes do surrealismo, Paul Eluard— como algo onírico, senón próximo á nosa sensibilidade. Tras unha primeira tentativa achegada ao estilo de Juan Ramón Jiménez, inimitábel en realidade, Espadas como labios, La destrucción o el amor e Pasión de la tierra forman un tríptico excelso de canto ao amor mediante figuras cósmicas e visionarias, pero tamén dolorosas e pesimistas.

A vellez que a historia roubou a Lorca e a Luis Cernuda, este segundo quizais o poeta máis completo do século XX español, o que é moito dicir, deunos a un Aleixandre diferente e máis complexo. Unha das súas peculiaridades foi que non abandonou o surrealismo, algo pouco frecuente dentro dos autores de vangarda, pero dentro del Poemas da consumación e Diálogos do coñecemento toman unha nova dimensión: a da reflexión filosófica e a do poeta que se enfronta á pantasma da morte e á necesidade de comprender aquilo que vén despois, sexa o que sexa. Isto, curiosamente, vólveo a conectar con Juan Ramón Jiménez e a súa última poesía, na que a Obra corre a se atopar co Deus desexado e desexante.

Nestes meses sen escola é tamén bo momento para lembrar que a literatura española perdeu moito peso dentro do sistema educativo e que para calquera estudante, aínda o mellor, Aleixandre, non pasa de ser unha nota ao pé agochada no fondo dun libro. Quizais isto sexa unha das razóns polas que nos custa pecharnos sos cos nosos pensamentos.

O poeta confinado
comentarios