sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Madelstam revisitado

EU XA SEI que isto da corentena lévano vostedes moi mal, bardante ter uns recursos insólitos dende o punto de vista do entretemento e o traballo a distancia, os máis importantes da historia da humanidade. Se iso non abonda, convídoos a que, cando remate o asunto, se acheguen a unha libraría e collan a Antología poética de Ossip Mandelstam. 
Ossip Mandelstam
Ossip Mandelstam

Non fai falla que abran o libro. Dende a portada saúdaos un home cun gabán negro, barba curta e cana, orellas grandes, pelo curto e unha ollada estrañamente tranquila. É a foto da ficha policial de Mandelstam, exhumada dos arquivos da Lubianka. Catro anos despois de facela, dous días despois do Nadal de 1938, finou o poeta en Vladivostok, deportado a miles de quilómetros dos seus amigos e a súa dona, que relataría a historia en Contra toda esperanza, un clásico da literatura biográfica sobre escritores. Nós estamos pechados en vivendas occidentais do século XXI, de estar con roupa de verán a corenta grados baixo cero non falamos. Se serve de consolo, a todo hai quen gane.

Nos últimos anos a poesía rusa editada en España viviu bos momentos, pero aínda falta moito por dicir. Houbo escolmas de Ajmatova e Tsvetaeva, mais non poesías completas; esta é a segunda xuntanza de poemas de Mandelstam despois da de Vaso Roto hai uns anos; pero faltan, por exemplo, Esenin e, sobre todo, Boris Pasternak, estrañamente devorado pola fama de Doutor Zhivago no sur de Europa.

A edición de Jesús García Gabaldón ten varios méritos. O primeiro, chimpar sobre todo o que vimos de relatar —e algún feito máis, coma o intento de suicidio na Lubianka horas despois de que se tomase a foto que describimos—, e ir dereito no limiar á esencia da poesía de Mandelstam e aos seus alicerces culturais e estéticos. O segundo, traducir directamente do idioma orixinal, neste caso o ruso, pecado secular das traducións españolas xa por sorte superado. O terceiro, a amplitude da escolla e o bo ollo: a pesares de que A pedra pode ser o libro máis definitorio da súa adhesión ao movemento acmeísta, o tradutor verte completos Tristia e Cadernos de Voronezh, sen dúbida dous volumes sen os que é imposíbel comprender a poesía contemporánea.

O Epigrama sobre Stalin foi a verdadeira orixe dos seus problemas

A traxectoria de Mandelstam queda perfectamente recollida nos textos de cada libro; unha primeira fase caracterizada por unha intensa procura dentro do eido formal, na que son evidentes a influencia da poesía simbolista e das conexións culturais entre o seu país e Grecia; unha segunda fase de maior amplitude conceptual, na que, sen chegar ao político, dialoga moito máis co que ocorre na súa época, e unha terceira e definitiva etapa na que a concreción e o acme, a esencia da palabra poética, deixan paso a unhas verbas febrís e tráxicas, testemuño dunha fonda reflexión existencia que foi definitiva.

Como último prato atopamos catro poemiñas de sino ben diferente. O Epigrama sobre Stalin foi a verdadeira orixe dos seus problemas. Mandelstam non aturaba no estético o intento de imposición que estaba a levar a cabo o realismo socialista, pero tampouco era alleo á política e fixo circular estes versos insultantes, un pecado capital contra "o montañés do Kremlin" —Stalin era xeorxiano e os intelectuais das grandes cidades desprezárono sempre coma un bruto—. Cando a súa vida estaba pendurada un fío, e coma o poeta latino Ovidio nas Tristia, loitou por ela con versos ben distintos e aínda emocionantes, coma os de Se me apresaran os nosos inimigos, cuxos primeiros catorce versos, amputados das posteriores referencias a Lenin e Stalin, son dunha calidade e intensidade asombrosas para alguén que só tentaba gabar con esaxeración para salvar o pelexo.

Madelstam revisitado
Comentarios