jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Amor e fascinación en Julián Hernández

Nunha conversa co líder de Siniestro Total descubrín que as estrelas do rock tamén teñen sentimentos e senten deslumbrados ás veces.

Julián Hernández
Julián Hernández

COQUE MALLA ten voz de pombo constipado. Cando lideraba Los Ronaldos e escribía letras heteropatriarcais non se lle notaba porque se agochaba tras a forza das guitarras. Aínda non compuxera nada que publicitase esa República Independente Nórdica que fixo tábula rasa co deseño doméstico.

Unha vez cadroulle con Manu Chao nun pub da Coruña.
—Hola, Manu! Soy Coque Malla, de Los Ronaldos.
O fillo de Ramón Chao virouse a cámara lenta, coma nun wenstern, e largou:
—No sé quién eres, pero no me interesa. Un amigo me está explicando cómo se hace el pulpo.
A fascinación de Malla polo líder de Mano Negra equivale á fascinación de Chao pola preparación do polbo, esa ciencia.

Durante a tardoadolescencia tiven unha longa devoción por Siniestro Total. En Vigo nunha festa dos 90, Carlos Casares estaba rodeado de estoicos. Mentres falaba, inclinaba o corpo cara á punta dos pés para facerse o alto. Daquela non me interesaba o señor prestidixitador, agora tampouco. Vin a Julián Hernández movéndose baixo as luces con esa perplexidade que o singulariza. Levaba o pelo tan soleado como Billy Idol.
—Ola, chámome Jaureguizar. Quero tocar a guitarra en Siniestro.
—Keep on rocking —contestoume cun sorriso cargado de cansanzo antes de darme as costas e marchar cara á barra.
Eu daquela tampouco sabía inglés, pero a frase vén significar: "Vai rañala".

Por non saber nin sabía tocar a guitarra, pero son torpe para calcular as consecuencias dos meus atrevementos. Apuntárame a guitarra porque a profesora tiña os ollos bonitos e corenta anos, as dúas únicas virtudes que lle pido a unha muller. Nas clases quedaba tan marabillado por ela que era incapaz de mover os dedos para cambiar de acorde. A resposta de Julián foi logo a acertada. Algo tivo que verme para evitarse quedar ben ofrecéndome unha proba no seu local de ensaio. Ao cabo, benefíciome do prestixio dos mellores músicos galegos de rock galego, que son de Lugo. E, se non me cren, pregunten a Piti Sanz.

A Julián veño de lerlle ¿Hay vida inteligente en el rock and roll? (Temas de Hoy, 1999), un ensaio sobre o espectáculo de tocar rápido a guitarra. Conta unha historia de músicos tomando copas despois dun concerto na Cidade do Sacramento. No momento de pagar, adiantouse un como se fose Spiderman no incendio dun hospital infantil. Deixaime só.
—Soy Jaime Urrutia, de Gabinete Caligari.
—Y a mí qué carallo me importa! —reaccionou o camareiro.

Sorprendeume a velocidade á que xira a súa cabeza en sentido oeste-leste e o contenedor de lecturas que ten dentro.

Hai un mes estiven na casa de Julián Hernández en Cambre: lonxe de Vigo, fronte á estación do tren. Sístole,diástole. Sorprendeume a velocidade á que xira a súa cabeza en sentido oeste-leste e o contenedor de lecturas que ten dentro. Acabamos falando da Paris Review a conta de Joyce, pero non vou reproducir esa conversa por respecto ao solpor do lector.

A primeira lembranza que teño de Julián é con 16 anos, asistindo a un concerto para modernos no pavillón de Riazor. Os do Bloque protestaran porque o rock era a banda sonora do imperialismo. Agora escoitaron a radio, pero daquela tiñan problemas coa cultura norteamericana. Ignoraban onde e por que naceu o rock, descoñecían a súa intención. Cando xa tocaran varios grupos coruños rimando amor e coliflor, subiron ao escenario catro vigueses desafiantes con cazadoras de coiro, inzadas de imperdibles e cuns dinosaurios de goma pousados sobre os ombros. Sentín fascinio.

As letras dos conxuntos locais falaban de rapaces arrepentidos polos seus erros. Eu aínda non sei se cometín un erro por amor cando tiña vinte anos. Estaba nun baile de disfraces nun pub iluminadísimo e ateigado de Ribadeo. Atopei a Lena, a rapaza máis guapa do meu barrio, e púxenme a bailar con ela. Non tardei en levantar a miña careta, levantar a súa e bicala.
—Pero que fas? Estou casada!
—Por iso o fixen. Para saber se me segues querendo.
—Si, claro! Pero estamos á vista de todo o mundo!

Atopeina días atrás na rúa Doutor Fleming de Lugo. Os seus ollos manteñen o brillo azul. Séntese feliz onda o seu segundo marido. O seu fillo xa ten 30 anos. É policía. Pareceume inapropiado preguntarlle polos seus sentimentos. Avellentaron coma nós os dous.

O desencanto tamén lle sucedeu aos Siniestro e a Los Ilegales. Atopáronse no casco antigo de Santiago e foron xantar xuntos. Mentres agardaban pola comida, alguén colleu unha miga de pan e deulle forma de bóla para lanzala á banda rival. A vítima adoptou a estratexia de acción-reacción e devolveu o ataque. Trinta segundos máis tarde, había unha nevada horizontal de faragullas que se recrudeceu ata chegar a ser un intercambio de pan consagrado.

O libro de Hernández soborda anécdotas doutros músicos, o que remarca que sentiu pudor para contar as súas

Pero os músicos de rock tamén namoran. O amor, cando está exento de rimas en coliflor, é un fascinio que pode tomarse en serio. O libro de Hernández soborda anécdotas doutros músicos, o que remarca que sentiu pudor para contar as súas. Eu quería ler esas, claro. Conta algunha como o día no que se aloxara nunha habitación do Nervión, de Bilbao. Abriu a billa da bañeira. Mentres agardaba a que se enchese, telefonou á moza. O momento de colgar non acababa de manifestarse. A habitación empezou a encharcarse. O hotel case acaba sendo un afluente do río do que colleu o nome.

O triste é que esa relación desembocou nun divorcio. Pero a capacidade viguesa de amar é tan inmensa que logo se recupera. Os vigueses teñen sentimentos megalómanos. O mesmo enchen de luces a cidade para que pareza un escaparate chinés que se asentan na provincia da Coruña.
—Que fas vivindo en Cambre, Julián?
—O amor, que move o sol e as estrelas todas, Jaure.
Soltoume un refrán de vellos máis prosaico, pero prefiro deixalo ben e inventarme que citou a Dante por aproximación.

Aquela tarde, Julián e máis eu sentáramos con vistas ao xardín lonxitudinal da súa casa, que forma unha cuña ampla entre a estrada e un muro alto. El levaba unha camisa da cor máis escura do budismo. Contoume aquela vez en Memphis na que, segundo saíron dun local de streptease, os outros músicos marcharon deitárense. El almorzou nunha libraría na que atopou unha primeira edición do ‘Ulysses’. Estaba acompañada da sentenza que, estou convencido, redactou un xuíz que frecuentaba locales no que hai rapaces que se ispen e non son ximnasios contra aquela novela procaz.
—A única vez que nos censuraron foi no programa de Jesús Hermida —relatou Julián—. Non nos deixaron cantar Alégrame el día porque a letra di: "Alégrame el día, torero/ por Dios y la Virgen María".
O periodista onubense non debía de coñecer a mensaxe da canción porque, se o tivese feito, usaría outros argumentos.

Aínda que soe estrafalario, os ateos tamén tivemos infancia. Este Nadal puiden revivir o fascinio que me xeraba grazas a que, tras anos de indirectas, na casa regaláronme un lago con patinadores austríacos. A escena é sinxela. Catro mozos xogan ao hóckey sobre xeo entre uns árbores e unhas luces, que nada teñen que envexar en lustre ás de Vigo. Hai un matrimonio idoso contemplándoos e un camión vermello con agasallos. Ensineilla ao meu fillo cheo de ilusión.
—Mira, Antón, os patinadores xiran.

—Pero soamente teñen un patrón de rotación? 

Amor e fascinación en Julián Hernández
Comentarios