viernes. 10.04.2020 |
El tiempo
viernes. 10.04.2020
El tiempo

Antes das eleccións, despois da cacería

A cultura galega padece unha democratización tan radical que esnaquizou os ídolos. Non hai un discurso que prevaleza sobre outro. Entre mentres, morre da morte morrida

AQUELA MAÑÁ de febreiro de 1990 Manuel Fraga proclamou o seu Eu teño un sono. 10.000 entusiastas e 1.500 gaiteiros do comandante Xosé Luís Foxo saudárono ostentosamente como presidente da Xunta.

Chegada a calma, o León Ferido de Vilalba quixo que a primeira cea no cargo o fose singular, perfumada de mazás e emotividade. Convocou no Monte Pío dous amigos da pensión, dese 1939 compostelán no que empezara Dereito e Políticas, e se permitira o disparate de ser levemente feliz. Acabado o curso, aparecéuselle un arcanxo de Baviera para encargarlle a redención do Occidente cristián e aceptou marchar a Madrid.

A primeira noite como presidente galego, dicía, reuniu dous amigos de vello, deses cos que compartira o castigo húmido de Compostela ao calor de chourizos e cuñas de queixo que chegaban dende casa á fronte de combate estudiantil. Fraga tiña o aura melancólico do seu admirado Otto von Bismark, o canceler plenipotenciario alemán.

Supoño que podo contalo, pese a que xuntanza foi privada, porque dous dos tres protagonistas cruzaron o río Limes. Un dos compadres era Dionisio Gamallo, un sabio soñador que levitaba uns centímetros do chan rezando rimas de Bécquer. "El cielo se deshace en rayos de oro/ la tierra se estremece alborozada". O outro comensal prefire non ser citado. É un Joseph Fouché que limitou a súa voracidade por preguiza intelectual e estratexia cativa.

Fraga tiña a sensación de que creadores, intelectuais e revoltosos estaban na mesma beira política. A contraria da súa exactamente


Durante o encontro lembraron a pensión inhóspita de Santiago e a choiva incansable; e algunha rapaza fresca; e algunha lectura fascinate, case que seguro, e mesmo algún profesor pedante e decimonónico que os adurmentaba en clase.

Pero esa conversa foron os entremeses, porque Fraga tiña a cabeza pousada noutra preocupación. A súa sensación era que os creadores, os intelectuais e os revoltosos estaban todos da mesma beira política. A contraria da súa exactamente. Pensou que podería ser unha apreciación persoal. Aterrara en A Lavacolla e a bioloxía cultural galega éralle allea. Preguntoullelo aos amigos. Ambos os dous confirmáronllo.

Daquela, Fraga pediu nomes de persoas da literatura e a arte que se pasarían ao seu bando, pero os convidados bocexaron. Eles non viñan de fóra do país, pero a cultura galega non lles atraía nin sequera coa visión folclorista de considerar en tal ámbito ao seu conveciño El Viejo Pancho. En Ribadeo sempre nolo definiron como poeta nacional de Uruguai pola súa poesía gaucha. En Uruguai non deixan de lembrar os seus versos máis despectivos: "Mujeres y perras... tuitas son lo mesmo".

Fernández Albor foi un 'disque'. Disque médico, disque piloto da Lutwaffe e disque xerente para o balneario de Mondariz


O asunto é que Fraga quería transformar Galicia nun Margraviato de Brandenburgo. Pola súa experiencia na parte traseira do coche oficial, sabía que necesitaba o toisonado de ouro que achegan intelecturais e creadores. Non lle interesaba Galicia en si e menos Galicia como nación. Interesáballe a Xunta, en tanto que estrutura de poder despois de ter recuperada a institución daquel préstamo que lle fixera a Fernández Albor. Fraga deixáralle o goberno galego en prenda mentres marchaba ás cruzadas da Carrera de San Jerónimo. Xosé Luís Barreiro case que lle arrebata o control de San Caetano co lema de "Dios, qué buen vasallo! Se oviesse buen señor", que se adxudica a Rodrigo Díaz de Vivar.

Fernández Albor foi un disque. Disque médico discreto, disque piloto da Lutwaffe atractivo e disque estupendo xerente para o balneario de Mondariz, que era como percibía o autogoberno. Deixouno a medio facer e o presidente vilalbés asumiu que tiña que rematar o puzzle.

Neses primeiros días de mandatario electo, Manuel Fraga houbo de acometer dúas tarefas urxentes: crear un executivo con conselleiros capaces para abrir o futuro e pagar a vitoria aos amañadores electorais. Os presidentes deben funcionar con esa mezcla de ambas as capacidades cando debutan. Os segundos mandatos xa teñen máis carga técnica e menos política.

Fraga lera a Von Bismarck: "Nunca se minte tanto como antes das eleccións, durante a guerra e despois da cacería"


Jesús Pérez Varela quería cobrarse o consello de campaña que lle dera: "Don Manuel, pense en Galicia coma un país e en vostede como o seu presidente". Esa frase valeu o peso de cada letra en diamantes.

Fraga coñecía os tempos da política porque lera a Von Bismarck: "Nunca se minte tanto como antes das eleccións, durante a guerra e despois da cacería". Enrique Beotas dirixira a súa campaña electoral, pero volveu a Madrid para seguir explotando La rebotica nas radios comerciais. Deixou ao seu segundo, que era Pérez Varela e que foi quen se cobrou o quiñón.

Pese ao que lle preocupaba o respaldo cultural e galeguista, non quería comprometer a súa primeira xestión institucional en democracia. Encargou a Pérez Varela aquel departamento inocuo que nese tempo se concebía como feiras e os mercados, de bo nome Consellería de Cultura.

Pérez Varela confirmoulle que non era un séneca, polo que non logrou liderar unha actividade cultural de prestixio


O modelo de xestión de Pérez Varela foi o kulturkampf —impulso cultural— de Bismarck. Consistía en que toda actividade cultural dependese do Estado; na Xunta, no seu caso.

O presidente non se equivocou no seu temor. O conselleiro confirmoulle que non era un séneca, polo que non logrou liderar unha actividade cultural de prestixio. Pero era intuitivo. Non entendera a kulturkampf, pero coñecía a eficaz estratexia dos alcaldes pedáneos de repartir cartos públicos sen mirar o banderío de cada quen para crear fidelidades variadas.

Disque tiña taxado a cada artista en 1.000 euros. Se temos en conta que o número de intelectuais con certa relevancia en Galicia anda polos trescentos, é doado botar contas do orzamento que precisaba o seu departamento. Poida que soamente sexa unha maldade contra el, pero daquela unha presada de escritores —que son os creadores máis necesitados e avariciosos— pasouse discretamente á beira conservadora e rexionalista, adheriuse inquebrantablemente ás mil primaveras fraguianas.

O único que se decatou de que pasou o tempo dos 'murguías', de que a cultura galega matou o seus ídolos é Ferrín


Na oposición, quedaron Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas como referentes solitarios, e, tal vez, Suso de Toro. Ferrín sempre foi un materialista dialéctico entregado á súa ensoñación platónica de presidir a República das Letras.

Rivas e De Toro, tras os seus adocenamentos socialdemócratas e madrileños, volveron coller carreiriña nos últimos meses. O primeiro, escribindo Contra todo isto (Xerais) e o segundo, empuñando o megáfono catalán. Probablemente, o único que se decatou de que pasou o tempo dos murguías, de que a cultura galega matou o seus ídolos porque lle chega con intentar sobrevivir, é Ferrín. Pechouse en Vigo e tirou a chave da cidade á ría.

Houbo un tempo en que a cultura galega anunciaba unha xerarquía artellada arredor da Real Academia Galega e visibilizada por estas tres figuras. Esa estrutura montouse con Fraga como columna mestra: con el e contra el. A Academia achegaba o sedimento de ter un século de actividade. Ferrín, Rivas e De Toro brandían o respecto intelectual que conseguiran a base de ideas, escrita e certa provocación.

Sen estruturas e sen ídolos, a nosa creación acabará cruzando o Limes

 

Nos anos da crise e do internet houbo un derrube. A estensión das redes sociais matou os referentes e igualou os discursos pola base máis elemental. O foro de debate é Twitter. Ferrín non tuitea e o que opinen Rivas ou De Toro conta menos que o chiste que faga calquera rapaz ocorrente. Ninguén vale máis que ninguén. Sen estruturas e sen ídolos, a nosa creación acabará cruzando o Limes.

A cultura galega aburre á Xunta. O conselleiro non cansa de sorrir. A RAG canibalízase. O seu presidente sorrí tamén.

Por riba, seguimos pagando o segundo consello de Pérez Varela a Fraga, o que o animaba a promover unha grande infraestrutura que recordase a súa estatura política. O presidente da Xunta deixouse embelecar pola Cidade da Cultura sen que ninguén fose ao seu carón bisbándolle ao oído: "Don Manuel, lembre que é mortal".

Antes das eleccións, despois da cacería
Comentarios