Billie Holiday deixa de ver a televisión

William Burroughs, á dereita. AEP
Coñezo un home que ten unha man dereita e outra ultradereita. Padecemos unha regresión que el aplaude a dúas mans.

UNHA AMIGA cuestionoume que a semana pasada tivésemos incluído un texto sobre Agrocuír en Táboa Redonda. Nicolás Carreira reflexionaba sobre este festival LGTBI+ que se festexa na comarca da Ulloa. O certame ten unha parte de contido marcadamente cultural. A miña amiga dubidada dese carácter; cando se trata dun encontro social, cultural polo tanto, e cun limpo trasfondo político. A situación dos colectivos que protagonizan Agrocuír é tan precaria que calquera espazo de análise que ocupen é necesario.

Había tempo que tiña pendente a lectura de Queer de William Burroughs. O libro publicouse en 1985, hai corenta anos, como secuela de Yonki (Anagrama). Teño poucos debuxos na memoria de Yonki. O cronista vive en Nova York. Vai  labrándos un pasado de adicto. Proba a morfina, a cocaína e a heroína. Pásanlle outras vivencias. Mantén relacións homosexuais, é conducido ao cárcere, escapa a México e acaba na Colombia, onde busca un gurú que investiga unha droga de potencia extraordinaria.

Lin Yonki en 1985, no mesmo ano en que sepublicaba Queer. Usei ese libro para respirar mentres memorizaba manuais universitarios que se me revelaron inanes. Lembro botar unha tarde no sofá granate da casa con Yonqui, lembro saír de noite pola cidade na que vivía daquela, lembro ter bebido estupidamente cuns amigos, lembro térmonos rido a gusto, lembro acabar de madrugada nun soto asfixitante, lembro quedar pasmado mirando unha rapaza que estaba tranquilamente sentada nun sofá de sky vermello. Era loira, de cellas altas e ollos verdes. As pernas estaban cruzadas por levar minisaia. Lembro mirala e mirarme ela. Lembro mirarnos fixamente durante uns segundos. Marchei para casa coa timidez arañándome. Polo camiño, reparei en que ela era trans. Quedei confuso.

Eu non pertenzo ao ámbito LGTBI+, pero non me sinto alleo. Náceme a simpatía polo débil. Quero dicir que a sociedade debe ter como prioridade recoñecer e apoiar á minorías que sufren. O home da man dereita e a man ultradereita pensa que a sociedade debe identificarse co maioritario. El defíneo como normal. 

Unha transexual, un inmigrante ilegal ou musulmán son personas definidas pola normalidade. A diferenza é que a súa normalidade se atopa en observación por parte da sociedade, é dicir, deben reivindicar os seus dereitos políticos e sociais para ser acecptados e ser felices. A dereita están empuxando con forza para limitarlles eses dereitos e a ultradereita turra por eliminarllos. O punto de partida é negarlles a condición innegable de persoa.

No caso dos rapaces que saltan as fronteiras, non pido que se lles abran as portas porque crearía un caos que nos perxudicaría a todos, mesmo a eles. Reclamo que sexan tratados con respecto. Escribiría con educación se ese termo non se confundise co de modais.

A dereita desbocouse na exaltación da individualidade. A inchazón de currículos políticos responde a iso, a proclamar que o valor propio non é labor feito en beneficio colectivo, senón no propio.

Burroughs escribira Queer en 1953, pero non se atreveu a publicala daquela porque era unha historia de amor entre homes. A sociedade norteamericana era reaccionaria. Avanzou co tempo; pero agora está no camiño de volta, regresando á homofobia e impulsando un movemento a que España non é allea.
Queer está protagonizada por Lee, un norteamericano fugado a México. Namora de Allerton, un rapaz que se mantén na distancia valéndose da indefinición e do coqueteo co seu pretendente. Lembro Yonki como unha novela dura e áspera, mentres que Queer me pareceu romanticamente desesperada. Hai un texto razoado do autor. Recoñece que durante o tempo que viviu en Tánxer, sendo un adicto, era coñecido como O Home Invisible. "Un toxicómano respecta pouco a súa imaxe. Esta desintegración da propia imaxe tradúcese habitualmente nunha sede indiscriminada de imaxes. Billie Holiday soubo que se desenganchara da droga cando deixou de ver a  televisión".

Burroguhs fai, nesa altura, unha diferezación entre Yonqui, a súa primeira obra, e Queer. Axudoume a comprender as miñas lecturas diverxentes desa novelas. "En Yonqui Lee dá a impresión de ser equilibrado e independente, seguro de si mesmo e do quere facer. En Queer  é desequilibrado, está urxentemente necesitado de contacto, totalmente inseguro de si mesmo e dos seus obxectivos". O Lee de Queer pérdese no intento de posuír o escorregadizo Allerton. O lector de setenta anos que é William Burroughs cando escribe ese texto xustifica ao escritor de 41 anos que non se atreveu a publicala: "Meteríanme no cárcere". A causa da condena sería falar de amor, pero dun amor que non era tolerado pola sociedade.

Mentres escribo este texto nun café, escoito nunha mesa cercana varias persoas debatindo se un barrio desta cidade está convertíndose nun ámbito aparte porque a maioría dos veciños son inmigrantes. Uns din que non teñen outro remedio porque non lles alugan noutras zonas; outros alegan que a lei non garante unha resposta a impagos.

Lendo Na estrada de Kerouac pregunteime polo motivo de que os escritores norteamericanos dos anos 40 e 50 escapasen a Cidade de México. Cadra na idea de que son queer, no senso de ter unha sexualidade perseguida ou unha adición. Buscan un territorio virxe no sentido de salvaxe, de rudo, de non regulado. William Burroughs argumenta o motivo de asentarse no país ao sur. "México era sinistro e sombrizo e caótico; co caos especial dun soño".