Opinión

Cambiar o país, cambiar a actitude

Hans Magnus Enzensberger é un nome que me impresiona. O apelido sóame a petroleiro que cruza o estreito de Bering ou a físico cuántico. Pero foi un escritor alemán, desde 1929 ata o ano pasado.

A EDITORIAL Altamarea acaba de publicar Artistas de la supervivencia. Viñetas literarias del siglo XX. Enzensberger escribe sobre a vida política de setenta autores do século XX, desde Gabrielle D'Annunzio ata Ismail Kadaré. Non falta un galego, claro. Hai un perfil de Cela, ese exceso de Iria Flavia con nome de cantante suramericano de música lixeira: Camilo José.

Hans Magnus Enzensberger. EFE
Hans Magnus Enzensberger. EFE

O arranque do texto é revelador. O autor xermano apunta: "Non sei por qué Cela me resultaba tan antipático. Non o coñecín persoalmente". O comentario vén máis definido pola falta de química que polo coñecemento empírico. A continuación conta que leu La colmena a saltos. "Sorprendentemente, esta caótica obra tivo un éxito internacional e foi traducida a moitos idiomas". Esa novela pode entenderse unicamente en español. É un prodixio de linguaxe e de costumismo que dificilmente vai atopar un tradutor suficientemente hábil, menos para as linguas románicas.

A análise literaria de Enzensberger queda nese comentario trazado sen ganas. A arremetida pasa ao persoal: "Non o perxudicou o seu exhibicionismo, nin o seu tremendismo, que se converteu nun selo de identidade para os críticos, nin a súa afección polo truculento e grotesco". O embate gaña forza cando Enzensberger parece horrorizado esteticamente de que Cela continuase "impasible escribindo novelas, relatos, cadernos de viaxe, dramas, dicionarios, poemas, memorias e, por suposto, unha autobiografía".

A raíz desa produción, remóntase á primeira obra, La familia de Pascual Duarte, sobre a que conta que "se imprimiu nun garaxe para evitar que a confiscaran; pero despois a novela foi prohibida polas súas escenas de violencia, consideradas escandalosas". O propio Cela, que compaxinaba a censura e provocación sen maior atranco, explica esa peripecia en Andanzas europeas y americanas de Pascual Duarte y familia.
—Pascual Duarte nació, para mí que soy su padre, el 28 de diciembre de 1942, día de los Santos Inocentes, en un garaje que hay en la calle de Alenza, número 20, ya casi al final, y que se llama Continental Auto. Esto de Continental Auto es una línea de autobuses que hace el servicio de Madrid a Burgos y de Burgos a Madrid, llevando y trayendo viajeros, equipajes y paquetes.

O autor alemán subliña que ese libro tan desmesurado foi escrito "por un partidario declarado de Francisco Franco que xa servira ao seu rexime como informador en 1938. Cando acabou a Guerra Civil, traballou como censor para o Corpo de Investigación e Vixilancia". Sendo certo que Cela se ofreceu como delator e que revisaba textos á luz amarga do nacionalcatolicismo, dáme a sensación de que Enzensberger escribe de oídas e cun pulso máis emocional que documentado. "A idea de emigrar nunca se lle pasou pola cabeza e, cando non lle quedou máis alternativa, retirouse a Mallorca". O nóbel galego moveuse a gusto de despacho en despacho da ditadura, polo que a afirmación de Enzenzsberger carece de sentido. Cela non marchar ás Illas Baleares ata 1954. Non o fixo polo escándalo que certamente provocaba a súa obras, senón porque necesita afastarse da "vida social de Madrid para poder escribir". Presentarse como vítima da estreiteza moral do franquismo tería sido unha baza hixiénica e eficaz para el, pero non sucumbiu a ese cinismo.

En Artistas de la supervivencia non hai a menor referencia a todos os amigos esquerdistas aos que Camilo José Cela axudou economica e literariamente sendo el un conservador férreo, se ben é certo que o fixo sen anuncio nin voz pública. Respondendo ao título sobrevivinte do seu libro, o alemán presenta a Cela como rei de pícaros e catedrático de golferío que vai acumulando premios sen roibor, que pon o poder da súa linguaxe ao servizo da Constitución, que comete o pecado mortal do plaxio en La Cruz de San Andrés para non perder un céntimo do Premio Planeta e que casa cunha azafata de congresos corenta anos máis nova. A voda con Marina Castaño é o máis reprobable da última etapa de Cela. O resto foi unha enfermidade que tiña como síntomas a vanitas vanitatis, a cobiza e a gula. Hai unha correlación evidente entre o talento e o esforzo do escritor de Padrón, e os recoñecementos que acadou. Outro asunto son os seus vaivéns éticos.

Cela foi un histrión, pero queda pálido se o comparamos con Gabrielle D'Annunzio tal e como aparece descrito en Artistas de la supervivencia. Para Enzensberger, era un personaxe de commedia dell'arte. Nunha mesma persoa atopa "unha galería completa de caricaturas: o arquetipo do típico italiano, do poeta, do galán, do publicista, do dandi, do revolucionario e do fascista".

D'Annunzio quixo ser heroe. En 1919 conquistou a cidade de Fiume á fronte dunha banda de milicianos. Entusiasmando co efectismo da súa acción quixo dar un golpe de Estado tres anos máis tarde. Cando ía dalo soubo que o periodista Benito Mussolini estaba marchando sobre Roma. Mussolini tomaba máis en serio que a D'Annunzio a conquista do poder. Aínda así, o Duce compensoulle o adiantamento pola dereita que lle fixera nomeándoo Príncipe de Montenevoso, ordenou que publicasen a súas obras completa en 49 vivendas e regaloulle unha vila no lago Garda á que o escritor chamou Il Vittoriale degli Italiani.

Gabrielle D'Annunzio foi un visionario en adiantar que as armas do fascismo serían "a mobilización das masas a través do culto a un líder, dos discursos incendiarios e os desfiles". Nada que non vexamos tras os rosarios e as bandeiras tuneadas de Ferraz. Pedro Sánchez está máis cerca doutro italiano, aínda que el negue ser un Macchiavelo. Cando se critica ao presidente faise cos argumentos tomados da ética, como se se esixise a un carniceiro que fose vegano. Aínda non lin Tierra firme (Planeta) e probablemente non o faga. A miña curiosidade  limitábase a saber o motivo de que chamase as súas tropas ao campo de batalla ao día seguinte de ter sido derrotado brutalmente nas eleccións automómicas e municipais. A frase na que Sánchez explica a miña curiosidade é:
—Todo el tiempo añadido daría mayores oportunidades a la derecha de empañar los logros de la legislatura y acabar desbaratando el buen trabajo realizado.

O lóxico sería ter dado uns meses ao seu goberno para poder mellorar as expectativas electorais e deixar que baixase a onda exitosa da dereita, pero Sánchez descoñece a prudencia. Ao cabo, Feijóo fixo unha campaña mediocre e precipitouse ao pactar con Vox nas comunidades. Se a extrema dereita leva meses anunciando que vai embestir contra os avances sociais e ambientais no dubides de que o vai facer porque é o seu xeito de manifestarse na vida pública.

Henry Kissinger, finado esta semana aos cen anos, é outro modelo do Príncipe maquiavélico. Foi responsable de milleiros de mortes e evitou outros milleiros, aínda que é inaceptable que esa balanza poida equilibrarse. Hai unha década linlle China (Debate). Kissinger, secretario de Estado en 1971, documentárase para acompañar a Richard Nixon no trascendente viaxe de ao país. O ensaio revisa episodios clave da política internacional chinesa desde a época clásica ata os primeiros encontros coas potencias europeas, a alianza coa URSS, a guerra de Corea e as crisis con Taiwán. Marcou estilo como diplomático avogando pola Realpolitik, que non se guiaba por principios ideolóxicos, senón por intereses concretos que buscaba que coindisen cos do rival. O seu método era promover os contactos secretos porque entendía que era o xeito de se puidese negociar con maior liberdade ao evitar a presión da opinión pública. Resumiuno nunha frase sobre China: "Non podemos aspirar a cambiar o país, pero si que cambie de actitude".

Comentarios