Cando Maquieira nos trouxo a curva

Autorretrato de Rembrant. EP
A literatura galega reincide. Volveron premiar un libro sobre a represión, sobre San Simón; que son palabras que rimán con reiteración.

Non citarei galardón, novela nin autor porque non se trata de marcar unha diana. Aínda non lin a obra gañadora. É elevadamente probable que non a lea. Porque non se trata diso. Trátase de que a nosa literatura transmite de xeración a xeración, desde hai medio século, os mesmos temas. Que non digo que non haxa que recordar reitedamente os asasinatos, as violacións, os despedimentos, os desprezos. Pero un pide a súa narrativa que recree o seu presente e que indique os camiños polos que andará o futuro. Leva medio século atrapada no mesmo labirinto temático. Blanco Amor modernizou a literatura en 1959 co golpe na mesa de A esmorga. Suso de Toro deslumbrounos con Tic tac en 1993.  O problema da nosa vangarda é que quedou estancada hai 32 anos. Falo de obras maiores, das que definen unha literatura. Suso anda a voltas coa represión. Sorpréndeme porque foi un adiantado ao que mirabamos.

As ditaduras volven todo sucio animicamente, mesmo as novelas que se escriben a contrapelo do que queren os ditadores. Pero non é a única arte que se ve afectada. Agora que vostedes me están lendo, eu estou sentado aquí, no sofá da casa, lendo Eloy Maquieira.A pegada do racionalismo en Lugo (Tris Tram). É un álbum precioso e erutito con obras do arquitecto pontevedrés na miña cidade e, en menor medida, noutras de Galicia, como Ourense ou Pontevedra. Asinan o tamén arquitecto Santiago Catalán e Ángeles Porto.

César Portela, o terceiro dos arquitectos que vou citar hoxe, ía canda os pais sendo neno a unha consulta médica nun edificio de Pontevedra.    Era de Maquieira. Portela escribe o prólogo deste ensaio sobre o que lles estou falando. "A miña irmá e máis eu gustabamos de acompañar os familiares á consulta polo de xogar e percorrer os ricos itinerarios e espazos da casa... con teitos altos e paredes estucadas, con solados con corredores, cociña e aseos de baldosas de diversos e fermosos debuxos e cores, e con solos de madeira no resto da casa". Cando quedou un piso libre nese numero 8 da rúa García Camba, alugouno para montar nel o seu estudo. Despois, comprouno. Andado o tempo, comprou o da outra man. César Portela considera a arquitectura de Maquieira tan válida que unicamente tirou unha parede para unir os seus pisos.

Vou evitar falar da impresión arquitectónica de Eloy Maquieira en Lugo, de como trasmutou unha vila pequena nunha cidade conectada coa mellor racionalismo hanseático dos anos 30. Fareino por non aburrir aos lectores de fóra da cidade. Permítanme, unicamente, facer unha referencia ao xeito en que fixo, como din os autores, un "eloxio da curva". A curva foi a súa forma favorita nunha cidade definida polo círculo imperfecto da muralla romana. Quero dicir que Eloy Maquieira debuxa en paralelo a esa longa curva pechada de pedra.

Cando chega a Lugo, en 1923, atopa unha vila conformada por casas de inspiración rural. Os edificios novos son de estética ecléctica, xa anticada daquela. Maquieira morre en 1944, con 43 anos. Con tempo abondo para situar a cidade na estrada do futuro a base dun racionalismo elegante e inspirador, pero demasiado cedo para conducila ata el.

Os seus últimos anos, que cadran con anos posteriores ao gran golpe de Estado que deu o pequeno do Ferrol, son tristes, como todo na súa ditadura patriótico-relixiosa. O arquitecto pontevedrés é castigado por ser funcionario asemade de republicano e galeguista. Os seus planos son executados a mala vontade, cos cambios na execución para meterlles forzadamente unha estética historicista e tradicionalista de pésimo gusto marcial.

A lectura do volume sobre Maquieira deixoume unha mestura de orgullo por vivir na cidade que el imaxinou e executou parcialmente, e de amargor polo xeito en que as autoridades locais franquistas lla arruinaron.

 Esta semana lin tamén Rembrandt de Jean Genet. O texto é breve. A edición que lle fai Elba está enriquecida polos cadros do pintor neerlandés. Genet admirábao intensamente. Escribiu un libro, El secreto de Rembrant, sobre os seus cadros tras buscalos por museos de Londres, Múnich, Berlín e Viena. A tristeza é rival declarada da arte. En 1964 morre o seu amante Abdalá Bentaga, acróbata a quen dedicara El funambulista (Traficantes de Sueños). Transido pola dor, Genet queima a maleta na que garda o manuscrito de O secreto de Rembrandt. Elba publica agora son tres longos fragmentos recollidos na revista Tel Quel en 1957.

Rembrandt soportou a vida xenerando escándalos e sufrindo desgrazas. Sobreviviu ás súas dúas mulleres e a todos os seus fillos, e arruinouse unha e outra vez por culpa da súa actictude desafiante cara á sociedade.O seu estilo teatral e intensamente emocional non era do gusto da burguesía que compraba arte. Sumemos a súa afección ás criadas que tiña na casa. A Geertje mandouna a un correccional. Con Hendrijke comportouse máis decentemente porque casaron, pero ela foi excomungada.

Vou seguindo con Genet os autorretratos ao longo dos anos. O escritor francés atopa un fondo de pesadume en todos, pero eu, ao contrario, descubro  un rapaz desafiante nos que pintou na mocidade. Co paso dos anos e dos óleos, non vexo quebranto, senón a máis doce das melancolías e un leve sorriso irónico.