Unha chamada ao despacho do director

Ánxel Fole, á esquerda. AEP
Ser reclamado por un director ao seu despacho é un suceso inquietante. Hai dez anos Lois Caeiro chamoume ao seu despacho.

Daquela, o meu posto estaba na metade da redacción. Había 12 pasos ata o despacho de  Caeiro. Desde que recibía a chamada ataba que os cubría sentíame coma os doce apóstoles na Derradeira Cea, coma os doce do patíbulo. Percorría a distancia cun leve tremor na perna dereita e tratando de calcular qué aspecto do meu traballo podería ter incomodado ao director. Entrei, pero el dixo de ir tomarmos un café. Tranquiliceime porque as broncas de Caeiro eran descargas rápidas das nubes, breves chuviñadas intensas, que logo deixaban o ceo aberto novamente ao home cercano rexido pola ironía do cariño. Unha saída ao café indicaba que el necesitaba un tempo para expoñer unha idea.

No café, Lois Caeiro encargoume coordinar "un suplemento de cultura de oito páxinas en galego que leve o nome  de Táboa Redonda, como o que dirixía Ánxel Fole". Empeza setembro de 2015. Daquela levabamos un tempo facendo unha páxina de libros unha vez á semana. Initiaba ao Táboa que fundara Ánxel Fole polas Letras Galegas de 1970. Pareceume inviable escribir oito páxinas sobre cultura en galego unha vez por semana, pero eu son un pesimista incorrexible e Caeiro, un visionario irrefutable. Calei. Púxenlle pegas aos contidos íntegros en galego. Temín que o idioma provocase o que os publicistas chaman efecto pinza:  que os lectores collesen o suplemento coa punta de dous dedos e o apartasen. A combinación de idiomas podía gañar lectores para o noso.

Desde ese momento tiven un par de semanas para definilo. Baixei á  unha sala onde está a hemeroteca para ver o Táboa Redonda que dirixía Ánxel Fole axudado por José de Cora e Juan Soto. Empezara cunha páxina e crecera a tres. Parecíase ao propio Fole: tiña a súa estrutura levemente caótica e a  súa mestura do moderno e o popular, do consagrado –colaboracións de Cunqueiro– e o incipiente (Manuel María ou Darío Xohán Cabana).

Esa fin de semana fun pasala a Ribadeo. Había un quiosco no que vendían prensa estranxeira. The Times, Le Figaro, Frankfurter Allgemaine Zeitung. Comprei Le Monde, polo seu suplemento de Libros, e o Times Literary Supplement. Xa era suscritor  da revista The NewYorker. Fun tomar  café. Collín unha servilleta de papel. Escribín varias ideas sobre a base do Táboa tradicional e os suplementos internacionais. O novo Táboa estaría delimitado pola alta cultura internacional e moderna. Trataríamos de recoller as últimas correntes mundiais directamente, sen pasar por Madrid —en consonancia co espírito da Xeracións Nós—. O modelo foi unha revista portuguesa chamada Periférica. Editábaa un profesor desde as montañas septentrionais de Portugal, cerca da nosa fronteira, coa décima parte dos medios que tiñamos nós.

Nese momento, o panorama de firmas culturais en Galicia era limitado. Unha presada de aspirantes a membros da RAG colaboraba compulsivamente en todo canto periódico e radio lles entreabrían a porta. Invitamos a escribir a xente nova, con visións diferentes e vangardistas, afastadas do tese-doutoralismo que entorpecía o discurso cultural do país. Pensaba, e sigo pensando, que os suplementos escritos por expertos afastan a cultura do lector. A función de analizar non casa coa de comunicar. Pensaba, e sigo pensando, a que a Academia –no sentido de elites culturais e universitarias– tarda en recoñecer os movementos que xurden. Pensaba, e sigo pensando, que Fole tiña unha dependencia excesiva da escena cultura de Madrid cando editaba o seu Táboa. Pensaba, e sigo pensando, que a cultura galega ten unha dependencia extrema de Santiago e, en concreto das facultades de Compostela. En consecuencia, buscamos teléfonos de escritores e periodistas menores de 40 anos que vivisen en diversos puntos do país.

O día 21 de setembro do 2015 comezou a segunda etapa de Táboa Redonda. Adrián L. P. propuxo un deseño avanzado, coa color laranxa e  formas circulares como divisa estética para ordear texto en caracteres Fedra Sans Media a catro columnas e imaxes en branco e negro. Foi a nosa carta para comparecer semanalmente diante de vostedes ao longo de dez anos e 499 números. Adrián L.P. continúa determinando o aspecto deste suplemento. Hoxe cambia porque chegamos a 500.

A nosa compañeira María Piñeiro abría ese primeiro número cunha crónica sobre a saída de El Reino de Emmanuel Carrére. O escritor galo analizaba nesa novela a orixe do cristianismo. Pareceunos un bo xeito de comezo; mellor dito, de regreso.

Cincocentos exemplares máis tarde, Táboa Redonda continúa tratando de achegarlles as correntes que navegan polo Atlántico. Ao tempo miramos o embigo creativo de Galicia, sempre tan suxestivo e variado.

Como este artigo está quedándome persoal de máis e eu dedícome a mover o menos posible a batuta porque hai bos musicos, quero referirme a dous periodistas que terman das columnas destas páxinas. Son os autores dos perfís e as reportaxe de apertura: María Valcárcel e Nicolás Carreira. María ten unha mirada concreta e clara sobre o núcleo dos asuntos. Amósase levemente heterodoxa cando o conta. Nicolás chega á esencia, pero é barroco e gusta de avanzar en meandros e matices ata o corazón dos personaxes. 

Nunca máis fun chamado a un despacho polo Táboa Redonda. Un respecto que agradezo.