As chemineas prendidas da nación

Brigitte Vasallo /EDITORIAL ANAGRAMA

A PRESIÓN que se vive en Madrid está cerca de estoupar. As autoridades locais solicitan que se impida a entrada na cidade "ás infinitas familias que emigran para acollerse ao amparo da cidade". Podo entendelo. Teño amigos de Madrid que votan a Vox porque Madrid, onde non naceron eles nin os seus pais, está rebentada de persoas que chegan desde uns quilómetros máis de onde chegaron os seus pais ou eles mesmos. Ninguén en Madrid é de Madrid, pero o Concello permite quedar saoamente "ás familias forasteiras domiciliadas nos dez anos anteriores a esta data". Dez anos, leron ben. A 'data' é 1862. A dereita española e catalá están inmersa nese argumentario, pero amplía Madrid a España. 

Hai un bando posterior do Concello de Madrid, de 1868, que avanza na condea á pobreza por orixe, sen outro criterio de xustiza: "Os directores e encargados das obras municipais cuidarán de despedir os traballadores ocupados nela que non sexan veciños de Madrid". Aínda non se volveu a este extremo, pero poden atopalo cada día na policía desokupa de Donald Trump. Polo de agora, non retrodecemos tampouco a mediados do século XIX. Estamos nas posicións de 1957, cando a ditadura anuncia a construción de "sesenta mil vivendas para as clases modestas" e asemade ameaza con que vai "limitar a afluencia de inmigrantes a Madrid". Ben, a parte de levantar vivendas non aparece todavía porque a especulación desbocada é máis rendible politicamente. Polo de agora temos un goberno central que dá abrigo legal a unha situación que existe de facto e se basea na explotación laboral e habitacional dos míseros.

Xa non pido en que imaxinen que os estranxeiros alegais son persoas. Sería demasiado impactante para os queren botalos. Talvez poden facer o exercicio de verse fuxindo da fame, da ameaza de ser desguazado cun machete ou, unicamente, co desexo, humano, de mellorar.

A consecuencia desa fuxida e de coarse nas fronteiras de Europa é que, despois dun ano facendo pola vida entre o lixo, teñen dereito a que España lles dea unha axuda para poder comera e, con sorte, durmir a teito cuberto.

O cómico José Mota falou do racismo este Nadal nunha secuencia dun programa de humor. Presenta un consello executivo dun partido reaccionario no que se dá voz á expulsión de todos os inmigrantes. Os membros da cúpula desa voz empezan a pedir excepcións para que a súa vida continúe sendo plácida. Piden que queden os estranxeiros que coidan dos seus pais, os que traballan na construcións do seus edificios, os que atenden nos seus bares e restaurantes, os que son ricos... ao cabo o propósito perde a firmeza.

A relación entre deportación e pobreza é directa. Brigitte Vasallo acaba de publicar 'La fosa abierta' (Anagrama). Explica o xeito no que o salto económico e social en certas zonas do Estado colleu impulso a base de baleirar  outras zonas, como foi o caso do noso país. A propia Vasallo procede dunha familia de Chandrexa de Queixa trasladada a Barcelona. A nai dera un paso previo cando era moi nova ao empregarse como criada para unha familia oposta socialmente á súa.

O libro comeza coa autora escribindo a un home adiñeirado criado pola nai dela. Brigitte quere remontarse no pasado familiar a base dalgunha lembranza —fotos, cartas ou comentarios—. Quere saber como unha rapaza fuxida do atraso ourensán deu nunha sofisticada serventa que era quen de manexarse locuazmente en francés. Pero non o ten fácil. Como explica ao seu interlocutor, "na casa aconteceron tantas cousas que a relación está rota e  eu quedei fóra da nosa historia".

 A medida que lemos o ensaio imos descubrindo a violencia na familia da pensadora. Despois de saber que os Vasallo adoitaban veranear en Chandrexa, cóntanos que marchou tras a última malleira que lle soportou ao  pai e que non volveu ata hai pouco tempo, 29 anos máis tarde.

Brigitte Vasallo traballou de limpadora e mariñeira. Recorda que nun hotel debía deixar a fregona cando estaba limpando as escaleiras e axeonllarse porque os xefes dicianlle que unicamente quedaba impecable usando o estropallo. Non puido estudar na universidade, pero si deu clase nas de Nova York (Cuny) e Barcelona (Autônoma).

En 'La fosa abierta' presenta Chandrexa de Queixa coma o escenario da anulación dun xeito de vivir, aínda que sexa máis ben de subsitir. Empeza contando unha tradición que eu coñecín viaxando polos Ancares hai trinta anos e que sigue viva todavía: "Es de Queixa se sae fume do teu fogar durante seis meses consecutivos, ese é o noso permiso de residencia, a nosa nacionalidade, a nosa pertenza e o noso arraigo".  A cheminea prendida é fundamental porque dá dereito a usar o monte en man en común. Por moi pobre que sexas sempre poderás ceibar o gando para que coma e recoller leña para quentarse nel. Pero ese propiedade colectiva choca coa voracidade capitalista desde o tempo de Mendizabal, o desamorizador.

Unha historia do libro impresionoume. Hai un lugar rural de Noia no que instalan nun supermercado. Un vello que nacera alí asiste no día da inaguración. "Eiquí nos conxelados estaba a leira do Agustín, eiquí nas bebidas gasosas estaba a cortiña  da señora Josefa, eiquí nas verduras  estaba a corga do Serafín e nos cosméticos, a aira dos do Val".