Os diferentes xeitos de ser Fidel Castro

Fidel Castro e Manuel Fraga, na súa visita de 1992 a Láncara /AEP
Manuel Fraga era catro anos maior que Fidel Castro. Fraga naceu en Vilalba en 1922 e Castro, en Birán (Cuba) en 1926. Se non fose por eses catro anos e eses cinco mil quilómetros de distancia pensaría que foron separados logo do parto.

Esta semana estiven lendo Yo podría haber sido Fidel Castro (Lengua de Trapo), de Pablo Batalla. O autor é outra sorpresa porque toda a súa biografía xira arredor de Asturias, pero fai unha descripción exacta da evolución que beneficiou ao Antigo Reino nas últimas décadas que está ligada a Manuel Fraga. Ao tempo, no horizonte, vai sucedéndose o desenvolvemento de Cuba levada da man por Fidel Castro.

Antes de comezar o texto quero fixar a miña posición de escasa simpatía por ambos os políticos coa finalidade de que ningún lector poida recelar do que escribo a continuación.

Vou comentar o ensaio de Pablo Batalla empezando por un asunto que o cronista introduce na metade do seu texto pero que considero determinante na compresión das biografías de Fraga e, sobre todo, de Castro: a relixión. Sendo adolescente, Manuel fai un retiro espiritual no mosteiro de Samos. Sopesa converterse en monxe. Non teño noticia do motivo da renuncia, pero sospeito que atopaba un exceso de tranquilidade no inmenso edificio de pedra rodeado de hortas lavadas polo río Oribio.

Durante o primeiro ano de Dereito para nunha residencia de xesuítas, que lle transmiten a súa inclinación polo saber e polas elites, é dicir polas elites sabias. Posteriormente, insertado no goberno da ditadura de Franco, manterá unha tensión continuada cos tecnócratas aleitados polo Opus Dei, congregación que el denomina como “casa fría e misteriosa” pois rexeita o seu protestantismo mercantilista e afastado do eclesial. O vilalbés botaba en falta a emoción e a xerarquía visible.

Fidel foi educado por xesuítas españois en Santiago e en La Habana. Admiraba deles o carácter, a franqueza, a valentía, o sacrificio e a asutedade. Puro catecismo ignaciano, dígollelo eu, que teño media familia peneuvista. Cando xogaba ao baloncesto santigüábase a cada canastra e metía contra o equipo dun colexio protestante. Viviu fascinado pola Biblia. Como explica Pablo Batalla, encantáballe Historia Sagrada. “A revolución que liderou veu emulala: cruzar o mar Vermello a bordo do Gramma, derrubar as torres batistas de Xericó, castigar á Babilonia da Habana, emprendela alí cos becerros de ouro do capitalismo estadounidense do cabaret San Souci ao casino do Nacional ou a publicidade prohibida".

A ascensión mística a Sierra Maestra

Cando se produce a ascensión a Sierra Maestra aínda é católico: leva medallas piadosas colgadas do pescozo, fai que os marxistas barbudos que o acompañan para derrocar a ditadura pecadora de Batista estuden a Biblia e esixe recato ás guerrilleiras. Non esquezamos a homofobia. Enviou a centos de persoas a campos de concentración nos anos 60 porque consideraba que a atracción dun home cara a outro era contraria á masculinidade que esixía a revolución. Fraga apoiou  en 1958  na Junta Nacional de la Cruzada que a Garda Civil, a Policía e a Igrexa redactasen informes sobre "desviados". En 2005, case cincuenta anos máis tarde, recoñeceu que "a persecución" fóra excesiva, pero mantívose na teoría pseudocientífica dunha "alteración cromosomática" digna de compaixón.

Eu vexo unha diferenza notoria entre estas dúas persoas cegas de poder. Manuel Fraga era coñecido como o Home das 1.000 Caras porque podía ter dez ideoloxías no mesmo cuarto de hora; podía ser democristiano, conservador,liberal, socialdemócrata, ecoloxista, unionista e autonomista; porque, máis que convicións tiña intereses, que se resumían na elevación ao poder. Cando lle reprocharon que tivese participado na ditadura franquista, preguntaba: "E cómo pretende que fose eu ministro se non era nun goberno de Franco?". Non chegou a estender o seu pragmatismo ata o punto de tocar o comunismo, pero lera a Marx e a Gramsci coa fondura necesaria como para dirixir números faIsos da revista Mundo Obrero. 

Imaxino que crer en Marx era incompatible co seu catolicismo, unha contradición que Fidel Castro dixeriu sen atragoarse por moito que a disimulase. O autócrata cubano presumía de que, "se a Igrexa tivese un Estado, sería como Cuba"; esquecendo que a Igrexa xa ten un Estado, o Vaticano, e que se parece máis a Suíza que ao país caribeño.

Fraga, dicía, non era marxista, pero tampouco se entendían cos falanxistas, que chegaron a tirarlle pedras ao seu coche oficial. Así, presentou a Franco un proxecto de constitución en 1963, que propoñía unha monarquía cun resorte fácil para que fose un sistema presidencialista. El esperaba plasmar o seu soño dun sistema britanizante de dous grandes partidos. Ao sátrapa de Ferrol deulle a risa frouxa pensando en que un dos seus ministros pretendía que el cedese o poder.

Nos anos seguintes presionou a Franco consello de ministros a consello de ministros —a berros, por veces— para que designase un sucesor, que non había de ser outro que o propio Fraga. Ao cabo, cando desconectaron os cables que ataban o xeneral superlativo coa vida, o elexido foi Carrero Blanco, que consideraba escancalosos os biquinis autorizados por Fraga, e despois Carlos Arias Navarro, que se esforzara en gañar as medallas necesarias como para ser alcumado O Carniceiro de Málaga.
Manuel Fraga acabou frustrado, pero  Felipe González tivo a britanizante idea de nomealo Xefe da Leal Oposición, dotándoo de chófer, secretaria e despacho oficial. A intención era perpetualo na fronteira exterior do poder e o vilalbés, orgulloso como era, aceptou o caramelo amargo. En agradecemento da peculiar pantomima, Fraga augurou que o político socialista sería "un gran presidente, o que unicamente falta ser conservador". Logo se fixo.

Un home novo no paraíso cubano

Fidel avanzaba moito máis alá. Non se conformaba con dominar un país imperfecto como España, senón que quería ser o mesías que crease un home novo nun paraíso como Cuba, con toda a bondade do seu clima e a riqueza da súa vexetación. A maiores dos mesmísismo Xesús Cristo e Karl Marx, o seu modelo era Alexandre Magno. Adopta ese nome de guerra. Seica os cinco fillos que tivo con Dalia Soto del Valle se chaman Alejandro, Alex, Antonio, Alexis y Ángel.

O mandatario cubano foi sucedéndose a si mesmo durante 49 anos, ata que o feito biolóxico o retirou. Fidel decidiu, pola súa conta, que sería absolto pola Historia. Ao dirixente vilalbés dáballe igual, pero conseguiu saír indemne do franquismo grazas a ese cínico reparto de culpas que chamaron Transición. Manuel Vázquez Montalbán sorprendíase desta fazaña. En 1984 constataba que "a Historia meteu no faiado da obsolescencia todos os protagonistas do franquismo... menos a Fraga. A Historia tivo unha paciencia infinita cos erros deste home ou el tivo unha tenacidade impresionante para convencer á Historia de que non o entendera e, polo tanto, lle concedera outra oportunidade".

Discrepo de Vázquez Montalbán. Manuel Fraga nunca se parou a dar explicacións á Historia, seguiu o seu camiño ata dar con Galicia. Na medida das súas posibilidades competenciais converteu neste país nun pequeno Estado, unha nación a medias entre o gran Reino Unido e a pequena Cuba. Adiantouse a Fidel nunha materia,o turismo. Rozou as silvas do Camiño de Santiago para conectarnos co mundo, tendeu autovías pagadas polo alemáns e vestiu o país con ropaxes quitadas do faiado onde ser garda o Antigo Reino. A constante de Fraga foi a dos labregos galegos aos que George Borrow intentou predicar coa Biblia protestante:
—Non creo na miña relixión católica, que  é a verdadeira, como para crer noutra.