martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Un, dous xemelgos; un, dous vietnams

Paso por diante dunha barbería. Vexo que, para afeitar, o perruqueiro tapa a curiosidade do cliente cun antifaz opaco

ESTA MAÑÁ, cando viña para o periódico, cadroume na costa lenta de Recatelo cunha parella de xemelgos de cincuenta e longos anos. Eles camiñaban diante de min, co paso coordinado dos paramilitares. Xa os teño visto máis veces. Son estreitos e levan o pelo co mesmo corte, como se o fixesen cunha impresora 3D. Semellan unha obra de arte: os ollos son pequenos e azuis coma modiglianis e o bigote failles un arco románico gastado. Nunca falan. Todos temos un tempo de conversa limitado con cada persoa, pero estes xemelgos non se dirixen a palabra dende cativos. Daquela empezaban as frases de xeito simultáneo e as construían idénticas. Pronunciaban as mesmas verbas na mesma orde. Transcorreulles a infancia e nunca tiveron nada máis que dicirse. E disto hai medio século.

Fascínanme os xemelgos en xeral porque poden intercambiarse en calquera circunstancia. Penso en xemelgos e penso no "un, dous, tres vietnams" que pretendía o Che Guevara en países gobernados pola miseria.

Antes de internet un podía facerse pasar por calquera, agora non. Unha vez presentei un libro de recompilación de artigos que nin eran meus nin eu escollera. Ao rematar o acto, un rapaz cargado muscularmente pediume que lle asinase o libro. Quería a rubrica do autor. Tentei facerlle ver que nada tiña que ver coa obra, pero ao mozote tanto lle tiña quen lla trazaba. Escribín: ¡Patria ou morte!. E na firma: Ánxel Fole. Foi unha parvada, pero fíxome graza relacionar o temeroso escritor lucense co lema do Che.

Donald Trump e máis eu somos os únicos co atrevemento abondo para asinar libros alleos. Eu firmei por Fole, pero Trump firma por Deus. O outro día estivo rubricando biblias en Alabama. Pregunteime se poñía Deus ou, modestamente, Trump. Pregunteime se asumía o Vello testamento e tamén o Novo, que ten a destreza técnica de que son catro versións dos mesmos feitos. Niso adiantaronse 2.000 anos a O cuarteto de Alexandría de Lawrence Durrell.

A dereita norteamericana considera o seu presidente como "o novo Ciro, un enviado imperfecto de Deus". Ciro II O Grande tiña o defecto de non ser xudeo, pero sobrepúxose para conquistar Babilonia. O seu logro durou douscentos anos, tanto como unha hipoteca media. Caeu baixo Alexandre Magno. Ningunha cidade podería imaxinar unha derrota máis poética que ser arrasada por un discípulo de Aristóteles.

As barbas máis sonadas foron as guevaristas

Os rastafaris usan o termo Babilonia no senso contrario aos conservadores ianquis. os xamaicanos teñen barbas, pero déixanas para as medras; non poñen antifaces para rozalas.

As barbas máis sonadas foron as guevaristas. A fin de semana pasada fíxenme un proust: deiteime na cama ás cinco da tarde do sábado para non saír ata que o sol do domingo estaba ben alto. A maiores de reflexionar cos ollos durmidos, estiven lendo Hija de revolucionarios (Anagrama). Escribiuno Laurence Debray, filla do filósofo Regis Debray e da antropóloga Elizabeth Burgos.

Regis Debray é un bobo (bourgeois bohème) da elite parisina. Cando era novo posuía todo e non posuía nada. Como explica a súa filla, "non fixera a guerra e rexeitaba o ideal de coche e neveira, aferrouse ao proxecto revolucionario de dar sentido á súa vida. Non tiña que afrontar o paro, o desamaparo dos barrios periféricos, a carreira por sumar anos de cotización, nin a miseria das fins de mes". A súa muller herdara latifundios e elegancia en Venezuela.

Cansos de facer o burgués, marcharon facer a revolución. Fidel Castro aloxounos nun hotel coa sofisticación da vangarda libertadora. Unha noite o novo monarca de La Habana presentouse na habitación para falarlles. Marchou ás seis da mañá, pero ás once do día seguinte xa estaba de volta con ducias de teletipos. Tras varias conversas, Regis Debray convírtese no favorito do réxime.

O foquismo do Ché Guevara — "tenemos que crear uno, dos, tres vietnams"— necesita un desenvolvemento teórico. O filósofo convidado escribiulle en 1967 A revolución dentro da revolución para adaptar o marxismo en Latinoamérica.

—Sin fusil, mala pluma; sin pluma, mal fusil —comentaba Debray para xustificar que deixase a teoría polo alento da violencia.

Marcha a Bolivia como axente de enlace do Che, que levaba dous anos hibernando nalgún lugar descoñecido. Fidel encarga a Debray ser axente de enlace con protomártir perdido na selva limítrofe con Arxentina. Alí contan con ser apoiados por labregos que ignoran o español e significado de cambiar o salvaxe ditador René Barrientos polo irascible Che.

Regis Debray logo é capturado. Os diarios publican a morte do "mercenario al servicio del castrocomunismo". Pero non morrera. Antes de interrogalo ensínanlle a folla para que saiba que ninguén o vai buscar. Foi máis suave das torturas: unha serpe velenosa ceibe na súa cela —non maior que dúas cabinas telefónicas—, voos en avión coa ameaza de empuxalo ao baleiro, paseos en camioneta por estradas de baches cunha pistola na sen.

Os seus pais, burgueses e nada bohemios, tardaron tres anos en liberalo. Na cela deixou un poster de De Gaulle e levou a carga de ser o delator do Che. A filla négao. Laurecence Debray cita os servizos secretos bolivianos desa época para asegurar que a CIA tivo localizado a Guevara. Engade que o delator foi O Noso Debuxante, un arrepentido. O seu nome tamén era Ciro, aínda que a súa importancia non foi asaltar Babilonia, senón debuxar retratos dos seus compañeiros no Vietnam boliviano.
Eu coñecín un visionario desencantando. Cadroume botar unha tarde de charla con Iñaki Wilson nun caserío cerca de Gernika. Non se apelidaba Wilson, senón Pérez Beotegi. Foi un dos etarras enviados a Noruega cando a ditadura española se esgotaba por inanición.

—¿Que cómo era la cárcel en Noruega? Unos cabrones: ensaladas calientes y sopas frías —contaba cos seus lentes grandotes e os beizos pintados por Rubens.

Wilson participara na Operación Ogro, a regulación de emprego do postfranquismo consentida pola CIA. Estivera no Comando Barcelona. Mikel Lejarza, El Lobo, foi o policía infiltrado que os disolveu en 1975.

—¿El Lobo? Era un tío majo. ¡Nos engañó a todos, el muy cabrón!

Daquela as torturas eran protocolo extraoficial nas comisarías.

—A mí no me torturaron —confesaba Wilson—. Bueno, a ver... Un policía me preguntó con quién estaba en el comando Barcelona y le dije: "¡Con tu puta madre!". Me dio unas hostias. Es normal, yo también lo haría.

En Galicia somos incapaces de tomar as cousas en serio. Mesmo facemos o ridículo cunha materia tan cruel como o terrorismo. Aínda lembro un capítulo de Galicia, el bonsai del Atlántico no que Manuel Rivas trazaba un retrato de Antón Arias Curto, do Exército Guerrilheiro. Quixo crear un xemelgo de Cuba, un terceiro Vietnam, na selva galega. Botouse ao monte aprovisionado cunha radio e unhas latas de sardiñas.
Daría algo por volver escoitar ao meu excompañeiro Maloca contando o día no que chegou á nosa redacción o libro Nova poesía galega. Dentro estaba o manifesto fundacional do Exército Guerrilheiro. Ninguén coma un galego para darlle tanta lírica á mecha dunha revolución.

Un, dous xemelgos; un, dous vietnams
Comentarios