Tras a dubidosa luz de Camilo José Cela

Camilo José Cela
Un investigador vén de atopar o orixinal de 'La colmena' que Cela someteu á censura en 1946. As tachaduras explican o autor no seu contexto

Non sabería dicir quen foi Camilo José Cela. O rapaz ambicioso e fanático de 20 anos que se ofrece aos militares golpistas para delatar republicanos en 1936? O home sensible e reflexivo de 40 anos que crea a revista Papeles de Son Armadáns en 1956 para recoller a creatividade de esquerdistas como Rafael Alberti. Luis Cernuda ou Picasso, coa intención redentora de que non se perdese? Tivo a habelencia de tirar a publicación en Mallorca, nunha periferia que a ditadura consideraba inofensiva ao estar lonxe de Madrid e Barcelona.

Cela foi censor durante uns meses, entre 1943 e 1944. O seu traballo parece máis de oficinista que de persuadido ideolóxico. Os orixinais que revisa teñen escasos reparos aos autores. Por unha banda, os xefes nesa oficina de carcundia unicamente lle pasaban publicacións brancas como sepulcros, como podía ser a revista do Colexio de Odontólogos. Por outra banda, La colmena está ambientada neses anos nos que os falanxistas están cercenando, censurando, invandindo, textos alleos, por fereza política.

 Por unha banda, sei que unha moza dun mozo Camilo, Toisha Vargas, foi asasinada polas bombas que a aviación franquista deixaba caer a chumbo sobre Madrid. Por outra banda, sei que presenta La colmena  aos seus antigos compañeiros en 1946. As cadeiras dos censores falanxistas foran ocupadas por censores católicos. Os fascistas pretendían afogar toda desviación ideolóxica. Os católicos teñen o propósito de  todas as xerarquías relixiosas: acoutar a conduta das personas a base de infatilizalas para manter o control sobre elas.

Como Camilo José Cela xa coñece os hábitos e as regras da oficina na que traballara durante un tempo rodea o seu manuscrito de avais en forma de textos eloxiosos asinados por figuras consagradas como Pío Baroja ou Dámaso Alonso,... Tócanlle dous censores. O bo e o malo, perdoen o chiste porque o oficio de censor nada ten que ver con humor nin coa mente aberta aos mundo. O censor bo, o literario, é Leopoldo Panero. É un  autor intimista e sensible cara aos temas básicos da poesía: a dor, a soedade, o baleiro e a nostalxia. Tivo que facerse perdoar o marxismo a base de silencio e adhesión inquebrantable. Por riba de todo, é o pai dos Panero: Leopoldo, Juan Luis,  Michi,... e o marido de Felicidad Blanc.Jaime Chávarri falou con eles en El desencanto (1976), onde amosa a luz e a loucura da familia máis fascinante da cultura española. 

Volvo a La Colmena.Leopoldo Panero aprecia o magma de palabras e personaxes, a miseria e padecemento que lles carcomen os ósos. Aproba, escribe o nihil obstat. Cela ten a proposta da editorial barcelonesa El Zodíaco de que van publicarlle 5.000 exemplares. El Zodíaco xa lle editara o poemario Pisando la dudosa luz del día . Fora o primeiro poemario de Cela, que nunca deixaría de escribir poesía e soamente poesía, aínda que a publicase como prosa e a calificase de novela.

 Pisando la dudosa del día é un endecasílabo de Luis de Góngora. O poemario responde ao desgarro pola morte de Toisha Vargas. A rapaza foi asasinada  baixo as bombas franquistas cando Camilo tiña 20 anos. Durante dez días de decembro de 1936 escribe os  "versos que soamente se poden escribir cando un palpa a morte nas mans". Ese crime  alterou a firmeza reaccinarias do rapaz de Padrón, volvéndoa menos sólida.

La colmena pasa a esixencia literaria de Panero,  pero non a de outro censor, o cura, Andrés de Lucas, que lle arruína toda a ilusión. Onde Panero non vira nada censurable, De Lucas  atopa escándalo, horror e libre albedrío desbocado. Engade, nunha nota aparte, a súa certidume de que o libro goza de "escaso valor literario". Ao cabo, censurado en España, o escritor busca unha saída editorial en Arxentina, onde atopa a comprensión de Emecé en 1955, aínda que o goberno de Perón faille o seu filtro moral.

 Eu teño a versión de La colmena editada pola mexicana Noguer, en 1982 en Barcelona. Lina un ano máis tarde, recén lograda a maioría de idade, e non lembro alporizarme polo texto. Supoño que a lin nese primeiro outono de universidade, cando aínda non sabía que a vida ía en serio, como nos ensinou Gil de Biedma no seu poema.

Recordo o café, riadas de personaxes entrando e saíndo, falando, amando, sufrindo, liando tabaco; todo en retazos, a trazo groso, sen matizar. Recordo movimento, ir e vir, entrar e saír. Recordo pensar en Manhattan Transfer, que eu xa lera parcialmente. Pero descoñezo a influencia que puido ter sobre o escritor galego. Dubido se foi iso ou un paralelismo de concepción ou estrutura, pero penso que Cela puido ler a novela de John dos Passos que se publicara en 1925 porque o padronés tiña o inglés por lingua doméstica a través da nai e do avó, John Trulock, contratista ferroviario dunha familia británica asentada en Vilagarcía.

No meu exemplar dos anos 80 está recollido o prólogo da primeira edición, onde Cela refire vagamente o episodio censor: "A miña novela —por razóns particulares— sae na República Arxentina". Frustrado polo fracaso, marido de Charo e pai de Camilo, o novelista desespera e pensa mesmo "en poñer un bar". Quero pensar que o tería chamado La Colmena. Tamén podería ser La Clientela de María Domingo ou El Café Europeo, que foron dous nomes que manexou o escritor mentres redactaba a novela.