Opinión

Edu Valiña volve ás néboas do Páramo

Théofile Gautier tiña unha egua temerosa da néboa. O escritor consideraba que a culpa eran das historias de aparecidos que escoitara na taberna, mentres el e os amigos saudaban a nova colleita anual do fresquísimo e amoratado beaujolais. O asunto é que a montura paraba aterrorizada na boca do bosque de Boulogne e habían dar un rodeo para volver á casa.

FALEI CON Edu Valiña.sobre o campo; pero non lle preguntei polos animais, nin polas néboas, nin sequera polos bosques. Entendo  que lle gustan porque naceu no Páramo. Non podería indicarlles agora os límites dese condado, pero poden consultar Argos divina, nuestra señora de los Ojos Grandes, un libro do século XVII no que Xosé Pallares e Gaioso garante que quedaron fixados no 572, tras o Concilio de Lugo reunido por Teodomiro.

Edu Valiña (1972) sabe que os límites dos municipios nunca están marcados, que os saltan as néboas, as leiras e os dialectos. Procede de Santa Comba, parroquia da Torre.
—Todo che inflúe. Hai vivencias relacionadas co territorio. Hai unha forma de falar e unha identidade distintas ás de Becerreá, que é alta montaña. O Páramo é un val enorme.

Notou a diferenza no clima, máis «duro» invernalmente en Becerreá; onde responde aos nomes dos meses decididos polos revolucionarios franceses para este tramo do calendario: Brumario, frimario, chuvioso, ventoso e nivoso. A pegada napoleónica segue afundida nesa terra lucense. Non me atrevo a manter o meu estudo de que un de onde fai o bacharelato, porque Valiña o fixo en Becerreá, pero nunca perdeu a atención do seu Páramo.

Theóphile Gautier naceu en Tarbes, na estremeira da Occitania francesa. Cando tiña tres anos, en 1814, os pais levárono vivir a París. Atrás quedaron o pastoso dialecto gascón e, sobre todo, o seu can Cagnotte. Unha noite intentou fugarse de volta para abrazalo. Os pais enviaron un billete de tren ao cadeliño. O pequeno Théophile observou que Cagnotte  non era como lembraba, pero fixéronlle ver que as penurias da viaxe e o traqueteo ferroviaria podía afectar notoriamente o físico dun animal sedentario. A sorpresa veu cando o novo Cagnotte inchou de ventre. A criada, ignorante da simulación, curtoulle cunhas tesoiras as costuras que lle apretaban e quitoulle de enriba a pel falsa que tanta calor causaba ao can de palleiro.

Edu Valiña, mantedor xefe na Fundación Eugenio Granell de Santiago, montou a instalación Nieblas gallegas na galería Patio de Luz da cidade litúrxica. A mostra ten ironía mesmo no patois do título.
—A néboa é un pretexo para funcionar como resistencia cara aos fenómenos atmosfericos e as paisaxes atractivas. Había mares de néboa cara a Lugo e Guntín cando era cativo no Páramo. A néboa é un recurso irónico para falar da néboa que cubre todo o rural. É unha especie de ironía que está aí na paisaxe, é moi nosa, funciona como característica bucólica, como atrezzo en xeral na produción cultura, por exemplo, no cinema e na arte contemporánea. Na arte contemporánea hai sobreproducción de arte con fenómenos atmosfericos. Hai quen colle ese filón, como pasa coa rapa das bestas.

Aínda non fun ver As bestas. O rural ten as súas fragas de brutalidade. A maioría da poboación galega reside en vilas e cidades. Mira o campo coma se fose o poema no que Virxilio explica o xeito de revivir unha colmea desafiuzada. Entrevistar a Luis Zahera comeume as ganas de pagar por ir a esa película. É inxusto, pero pasoume. Interésame máis o documental sobre Joaquín Sabina, aínda que sexa por escoitar un vello talentoso que non atopou o momento de renunciar ao papel de rufián. Sigo contándolles de Edu Valiña:
Nieblas gallegas leva o título en castelán porque é unha óptica urbana de retorno: «Imos revitalizar o rural co apoio da subvención pública». Non dialogan co contexto. O artista galego que vive fóra fai producións sobre as persoas do rural. Son todo desgrazas: señor que vive só, acaba todo,... E non é así. Hai despoboamento, pero hai retorno. Para falar desa comunidade debes formar parte dela, non é fácil acceder.

O creador paramés vive en Santiago, pero as fins de semana son tempo de Santa Comba.
— Hai un cambio na paisaxe, que se renova cada venres. Traballo na terra desde pequeno. Sempre voltei porque quero ter unha relación directa co campo, coa nosa explotación,.. Acabo de poñerme a cargo da casa dun tío meu. Hai un cambio xeracional que nos enriquece, os que viviron forman un sustrato que nos enriquece. É o lugar onde reseteas todo, entre o silencio. É unha necesidade vital volver e estar en contacto coa xente. Houbo un momento en que dúas das tres casas de Santa Comba estaban pechadas, era silveira todo. Hai que manter os nomes, a toponimia. Debes mantelo porque é o que ti es. Síntome responsable de facer ese traballo, tamén como artista.

Na galería Patio de Luz instalou unha peza que chamou Sala de Ordeño. Expuso unha botella cunha tetiña de dar de mamar aos becerros e vitrinas con dous bozos para que non enfermen os xatos por tomar demasiado leite.
—O leite é unha estratexia de poder. Canto máis leite produzas máis poder adquisitivo tes. Concentraron todo. Agora hai gandeiros que teñen 300 vacas... e cando non estean?

A cámara da roda dun tractor está rebentada en Nieblas gallegas. "O tractor é a ilusión do progreso no rural. Soluciona moitos problemas. Son as ilusions que rebentan". Edu xestiona arte sofisticada durante a semana e conduce o tractor dos sábados. 
Hai guerras que acaban derrotadas no medio da natureza. A Primeira Guerra Mundial rematou nun vagón de tren varado no medio do bosque de Compiègne en 1918. Os alemáns asinaron o seu esgotamento ás 5.10 da madrugada. O almirante xermano Ernst Vanselowl recordaba a néboa mesta daquela madrugada tan decepcionante. As consecuencias foron catro millóns de viúvas e o dobre de orfos. O mariscal Foch, que comandaba as tropas aliadas, manifestou o seu disgusto coas condicións impostas a Alemaña:
—Isto non é un tratado de paz, é un armisticio que durará vinte anos.

Alemaña invadiu Francia 20 anos e 64 días máis tarde. O cabo Adolf Hitler volveu ao bosque para cumprir a profecía lanzada polo mariscal francés na comprensión dos humillados. Mandou dinamitar o vagón onde claudicaran os seus mandos, pero respectando a estatua que se erixira a Foch. En 1940 encargou unha réplica do vagón para obrigar ao franceses a renderse no mesmo punto do bosque.
O rei franco Clotario I fora cazar a ese bosque no ano 561. De regreso á localidade de Compiègne, unhas febres quentaron o seu corazón. Pola noite, encamado, preguntouse:
—Quen se crerá o Rei do Ceo para facer morir así a reis tan poderosos?
Virou a cabeza, inerte, cara á dereita.

Este verán puiden ver unha estatua ecuestre do mariscal Foch diante do acuartelamento de paracaidistas asentado en Tarbes, a cidadela do estremo occitano, de onde procede. Os cabalos de ferro teñen unha función de enxalzar o homenaxeado na escultura, son un soporte.
Con razón se queixa Theópile Gautier de que «todo o Parnaso non ten máis que un cabalo», en referencia a Pegaso. "A maiores, trátase dun cuadrúpedo que ten ás e non é fácil de uncir, se atendemos á balada de Schiller". Fai esa referencia malia saber que é unha broma do poeta alemán para subliñar o contraste entre a poesía alada e a prosa pedestre. Musa pedestris, a musa camiña; segundo Horacio.
Gautier naceu en Tarbes, en 1811, corenta anos antes que Ferdinand Foch. Paseando por Tarbes, baixo un sol cargado de mercurio, atopei a casa natal do militar. Pode visitarse o seu museo. Non dei coa do escritor que inventou o parnasianismo.
—Cara a 1843 ou 1844, nas areas do periodismo, pasadas pola peneira do folletín, atopei abonda pébidas de ouro como para poder alimentar, a maiores de gatos, cans e urracas, outros animais meirandes —conta no capítulo de Zoológico privado, que publicou Firmamento esta semana en Cádiz. Un deses animais era a egua Branca, prevenida dos fantasmas que camiñan bosques.

Comentarios