As fillas tristes dos reis

Libro de Laurence Debray sobre Juan Carlos I /EFE
A un rei podemos pedirlle que se baixe do escenario, que axude a desmontalo; pero non que se comporte. Juan Carlos I foi o noso consentido

HOXE falareilles de fillas responsables e de pais consentidos, das fillas duns reis que viviron con liberdade e a capricho.

O libro 'Reconciliación' (Planeta), a biografía tolerada de Juan Carlos I escrita por Laurence Debray sairá este mércores en español. Debería titularse 'Expiación'. Polo que puidemos ler e polo que vimos na entrevista que concedeu á televisión pública francesa é unha exculpación dun actor cara ao seu personaxe: irresponsable, danino, de ambicións desmedidas e con deficiente control das súas apetencias. E simpático, claro.

Juan Carlos I e a Transición son consecuencias máis que causas. Explícome. O emérito confesa a súa complicidade con Franco como se descoñecese a saña que adornaba ao pequeno ditador do Ferrol da súa Excelencia. A relación de ambos, di sen poñerse colorado, "foi case paterno filial". A seguir, o emérito atribúese a dirección do logro da democracia; cando, máis que mérito seu, era a única saída. Dar continuidade ao totalitarismo franquista tería montado o monarca nun avión cara ao exilio en 1975. 

A fuga é unha tradición profunda nos Borbóns, pero os antecesores do rei vello escaparon por confundir as contas públicas e as particulares. Parecía que o cadete e príncipe recuperado do exilio portugués era un rapaz mandado que seguía as instrucións por pura comodidade.

Desaparecido Franco, os seus beneficiarios manobraron velozmente para transmutar as Cortes, un órganos sen voz nin voto, e o aparello do Estado, nun consello cidadán con formas de liberación. Había moitos crimes e moitos roubos que enterrar. Os franquistas apelaron a un sentimento democrático disimulado durante corenta anos e a esquerda asumiu pasar por esa porta estreita e baixa como único xeito de ter un papel na democracia.

A Transición foi unha operación de elites, armada sen contar coa cidadanía. O pobo asentiu co referendo para sancionar a Constitución, pero ese proceso de limpeza está lonxe de ter sido concebido e dirixido por Juan Carlos I. El foi deixándose conducir dun lado para outro porque o poder interesáballe en moita menor medida que as mulleres e o luxo.

Ao cabo, o emérito foi fiel aos costumes seculares da súa familia. Fixo as maletas con catro mudas para evitarse e evitarnos a vergoña, e subiu ao avión de Qatar Airways.

A súa haxiógrafa, Laurence Debray, tamén é filla dun rei. Reinou naquel incendio ideóloxico que prendeu no Maio de 1968. Régis Debray é un 'bobó', un bohemio burgués parisino. Emprendeu a aventura marxista leninista de liberar países suramericanos das súas respectivas ditaduras reaccionarias.
 Régis Debray artellou a colaboración entre a vangarda parisina de esquerdas e as guerrillas latinoamericanas. Rachou co estalinismo porque era demasiado institucional. Apostou pola marcialdidade, pola militancia que poñía bombas e pegaba tiros. O efecto buscado era transmutar o poder na outra banda do Atlántico coa fin dun efecto rebote nas instituciones europeas.

Linlle un libro, 'El  indeseable' (Monte Ávila, 1977), no que conta cando foi detido en 1967 en Bolivia. Recorda o seu padecemento nunha minúscula cela na que unicamente entraba un colchón. Lembroume o Conde de Montecristo. Unha campaña na que se implicaron Jean Paul Sartre, André Malraux e mesmo Charles de Gaulle logrou que o liberasen tres anos máis tarde.

Dentro do cárcere deixou a aura.

Aleida Guevara, a filla do Che, acusouno de facilitar a captura e execución do seu pai, monarca do fatalismo. Como supoñen vostedes, Debray foi torturado macabramente. Aleida considera que a consecuencia foi que "falou máis do necesario", ata o punto de ceder a localización do Che Guevara na selva boliviana. Trataba de reproducir o modelo que tivera éxito en Sierra Maestra. Régis Debray sostén que mantivo a firmeza malia a crueza dos militares da ditadura de Juan José Torres.

O parisinpo foi outro rei da casa ao que se lle toleraron caprichos revoucionarios. O seu nexo co veleidoso exmonarca de España é a súa filla, Laurence Debray.

A nai dela é a antropóloga venezolana Elizabeth Burgos. Compartía as ideas volcánicas do seu exmarido, aínda que a filla considéraa máis sensata. Laurence foi criada na atmósfera irreal e desaforada dos iluminados. Cóntao en 'Hija de revolucionarios' (Anagrama, 2018). É outro libro que lin e que debería ter na casa sen que eu teña sinais do seu paradoiro. Lembro a portada. Hai  unha foto dunha nena que ergue un fusil. Foi feita nun campamento castrista en Cuba.

Aquela nena renegou da quimeira armada cando se fixo adulta. Acabou convertida na escribana dun monarca que manexa toda sorte de finanzas escuras cos cartos alleos. Os seus amoríos impórtanme na medida en que nos saíron elevadamente caros.

A filla de Debray e Burgos leva anos padecendo esa enfermidade moral tan española que se chamou 'juancarlismo'. É un delirio de narrativa fantástica polo que un príncipe atrapado entre dous pais —un real (Juan de Borbón) e outro putativo (Franco)— dirixiu a transformación de España nunha democracia e detivo un golpe de Estado en 1981 coa kriptonita da súa autoridade. Nese relato todo o que atopo son preguntas e dúbidas sobre as motivacións do Elexido.