Opinión

Fresco de Aroa e a súa avoa

A maior parte das parvadas hai que intentar facelas antes dos 20 anos. Ao pasar esa idade as tonterías non parecen manchas solares no sangue fervente, senón ridiculeces. Con 18 creei un fanzine que parodiaba as revistas cursis para mulleres. O horóscopo era a sección que lograba as maiores atencións.
Autorretrato de Aroa Outón. AEP
photo_camera Autorretrato de Aroa Outón. AEP

A BROMA FOI tan lonxe que un día me vin entrevistado por María Solar para a Radio Galega. Tiven coidado de non mandarlle o fanzine. Aquel horóscopo carecía de base. Auguraba amoríos perfurmados e leves accidentes domésticos. O criterio era a improvisación. Entre os artistas reina a observación dos movementos planetarios. Xoán Guerreiro salpica  as conversas con observacións sobre o zodíaco.Sorpréndese de que haxa signos incompatibles que se entendan. Queda o comodín do ascendente. Gústame ter amigos pintores porque falan moito sobre a luz, coma se fosen cristos esperando un abril florido.

Autorretrato de Aroa Outón. AEP
Autorretrato de Aroa Outón. AEP

Aroa Outón (Barro, 1997) non desbota que inflúa, aínda que matiza que é "máis de crenzas galegas". Mentres estudaba Historia da Arte chistáballe coñecer o signo dos artistas.

—Eu son leo, pero non coñezo ningún artista leo. Picasso era escorpio, como Van Gogh. É un signo de paixón. Os artistas temos unha sensibilidade especial.

David Hockney concorda en que os pintores teñen a pel transparente. Cóntalle ao crítico Martin Gayford en No se puede detener la primavera (Siruela) que "a maioría da xente non se fixaría no Xardín do Edén aínda que o estivera pisándoo. Mirarían todo o tempo ao chan para non tropezar coas raíces das árbores».

Os burgueses que podían comprar obra a Van Gogh non percibiron a súa expresividade; pero iso non foi o peor, o peor foi que os marchantes tampouco foron quen. Un tratante de arte non percibe: todos os seus representados son un Van Gogh a descubrir. Vincent tivo que conformarse con disfrutar a Casa Amarela, en Arlès. Preparou o cuarto de convidados ao gusto do seu amigo Paul Gauguin.

Non soamente escribiu a Theo, tamén á irmá Willemien: "Ben sabes que os xaponeses buscan os contrastes de xeito instintivo e comen pementos doces, doces con sal, xelados fritidos e fritos conxelados; así que soamente hai colgar cadros pequenos nunha habitación grande e moitos cadros grandes nunha habitación pequena". O cuarto das visitas era estreito coma un raio de sol, medía tres metros na parte máis ancha.

As influencias que reciben os artistas provocan curiosidade a Aroa. Estudou a carreira para coñecelas.

—En segundo de bacherelato encantábame saber os condicionantes na vida dos artistas; infomarme, por exemplo, da técnica dos fresquistas do Renacemento. 
Descoñezo o horóscopo que rexía as vidas de Masolino ou Fra Angélico, mesmo teño problemas coa rixidez no punto de vista dos autores renacentistas de frescos, pero Aroa insiste en que as súas crenzas nacen de pozos que fura na terra do país.

—Creo nas meigas e nas tradicións porque están arraigadas.

Cando pinta polas noites, Van Gogh está ás súas costas termando do flexo, que emite a primeira luz do Big Bang, branquísima.

Son nacións do seu mundo, un planetario feminino. Na casa unicamente atopa mulleres: a avoa, a nai e unha irmá, xemelga. A bisavoa exerceu de nai válida de seu dende que tivo  unha cativa en 1939 e a nai de Aroa, tamén, dende 1997.

—A miña nai quería ter fillos e tivo dúas. A xente estránase cando lle digo que non teño pai. Dáme o pésame porque pensa que morreu. Nunca escoitei un comentario negativo. Haberá un doante, digo eu! A miña nai estaba nos 35 anos; quería ter fillos e non quería ter parella.
Aroa Outón escolleu a soedade na ruleta da fortuna social.

—Gústame estar soa, sobre todo para traballar. Agora mudeime a Caldas de Reis, comprei un piso por independizarme; pero a casa tira moito. Traballo en Caldas, a sete quilómetros. Ás veces levo as cousas a Perdecanai para pintar coa miña avoa. O punto de encontro témolo na cociña. Gústame pintar con ela porque me transmite paz e opina sobre o que vou facendo. Ela transmíteme calma. Temos unha cociña de ferro. Chego, póñome pintar e ela pinta mandalas ou mira Pinterest. Cada unha ao noso. Paramos tomar café. Äs veces falamos, ás veces estamos en silencio. A miña avoa é moi moderna. Ten tablet, móbil e ansias de coñecer. 

Carece de ansias de que a retraten. Cando menos, quéixase; pero a pintora repón que lle encanta. Asemade é a máis crítica da casa.

—En clase de pintura pintabamos ao óleo. Eramos dous por clase, o mestre tiña máis dedicación. O profesor poñía música clasica. Daquela non entendía o motivo, pero encantábame.  Agora escoito listas de música de piano en Spotify. Para pintar hai que ter paciencia; pero non me custa, estou no meu mundo e non miro o reloxo.

Esa paz posibilita que mellore tecnicamente.e que pinte máis detidamente que hai un ano, con estudo máis pousado da anatomía da figura. "Estou en paz e pasa o tempo. Se non hai ambiente que preciso non me sae, teño que deixalo. Debo ter ese momento". Aroa Outón fai algo excepcional nas persoas que falan a boca de xarro: ordea as frases e as remata. Para atopar ese momento iluminado do que me fala prefire a luz natural. Se é artificial ten que ser branca, nunca amarela.
Vexo luz británica no seus cadros, vexo as cores fauvistas de David Hockney e os trazos  fluídos de Lucien Freud.

—Hockney é un dos pintores que máis me gustan polas súas cores planas. Pero, sobre todo, gústanme os impresionistas. Empecei por eles. En clase tiñamos carpetas de cadros para decidir o que copiabamos. Empecei por eles. Tiñamos unha carpeta de Sorolla. Nunca me atrevín a pintalo, parece que se derreten os corpos. Tamén de Monet e Renoir. O uso das cores permitiume descubrir que as flores non teñen por que ter cor de flor.

O venres conversei con Álvaro de la Vega en Lugo. Contoume que a encarga máis curiosa que recibiu: unha escultura que retratase a Ringo Star.

Transitou bacherelato de Artes para estudar Belas Artes en Pontevedra. Dispuña dunha nota alta, pero preferiu Historia da Arte. Axudouna como creadora porque se fixa nos detalles. Cando pinta, Aroa ten os artistas do pasado detrás comentando o lenzo como se fosen a avoas opinadoras. Cando pinta polas noites, Van Gogh está ás súas costas termando do flexo, que emite a primeira luz do Big Bang, branquísima.

—Vivo no medio da natureza, pero nunca  pinto paisaxes. Gústame a figuración; a luz nos corpos, non na paisaxe. Pinto sempre persoas. Hai afectividade nos meus cadros. Creo un vínculo con eles porque pintar me dá felicidade, cando pinto unha encarga cústame desfacerme del, que se vaia. Fago moitas para min. A casa está chea de obras miñas.

Dedícase profesionalmente á arte. Esencialmente unha persoa á quen lle gusta pintar. Ten moitas encargas. "Hai quen ten un aniversario e que me pide que lle faga un retrato dunha persoa. Como son obras que non elixo sérvenme para aprender outras cousas, para un estudo de formas". Álvaro de la Vega coincide en que prefire esculpir tallas que non elixe para excitar a dificultade. O venres conversamos en Lugo. Contoume que a encarga máis curiosa que recibiu: unha escultura que retratase a Ringo Star

—Pedíronma seis fans dos Beatles da Coruña. Unha delas é tan fanática que mandou os fillos estudar a Liverpool.

Unha vez rematou o traballo, Álvaro soubo que lle pediran unha escultura coa finalidade de entregarlla en persoa ao músico escaravello para  facerse unha foto co seu ídolo

—Como un deles non me pagou, eu son socio dunha estatua de Ringo Star.

Comentarios