El tiempo
domingo. 25.09.2022
El tiempo

A nove horas de distancia e cansanzo

Falar con Yolanda Castaño é traballoso. Ela está disposta e sorrinte en todo momento, o problema é descubrir ese momento en que ela non está escribindo para nenos, promovendo poetas di(n)versos ou organizando residencias literarias na Coruña. De feito, reclámoa telefonicamente. Quedamos afastados polas horas e o cansanzo.
Yolanda Castaño
Yolanda Castaño

NON CHEGA con que lle mandes  un whatsapp e lle pidas que te atenda. Porque está amable e ocupada. Calcúlame que eu estarei en Lugo e que serán as dez da noite, pero que ela asiste a unha residencia literaria.
—Estou en Los Ángeles, Jaure. É a unha da tarde e levo toda a mañá escribindo. Poderíasmos falar mañá? —pide con emoticonos de rogo e piedade.

Cando me revela que se atopa en Los Ángeles, quero pensar que se refire ao lugar cerca de Santiago; pero chego antes a Santiago de Chile que a eses Ángeles onde Yolanda deixa que se vaia desmaiando o verán. Participa na Dorland Mountain Arts, en California. É unha casa para artistas situada entre outeiros, solpores laranxas e paxaros azuis. Yolanda quítalle partido posando para un fotógrafo con vestidos de flores, e con sombreiros de palla como neses anuncios de leite de solla e avelá que me provocan tanta envexa porque sempre van calor e un sol que non abruma. Sinto ganas de vivir neses anuncios a pesar de que me criei no campo, a pesar de que coñezo o precioso e aburrimento da misa dominical que representa un verán na natureza.

Nunha das imaxes que publica a autora hai un texto sumerxido nunha pantalla de ordenador, como se fose o fondo dunha piscina. Yolanda Castaño volveu escribir. Dubido se é poesía porque as liñas son longas coma o cansanzo tras un día de praia. A poesía escríbea demoradamente. Pasaron oito anos entre o anterior libro e Materia (Edicións Xerais).
—Son máis de materia que de matria ou patria—lembro escoitarlle.

O concepto recórdame os queridos presocráticos que especulaban nos xardíns de Grecia; a Anaximandro, que se adiantou un par de milenios á teoría do Big Bang cando, por simple observación, logrou deducir que o Universo está en expansión e adiviñar que se acabará contraendo. Recórdame que a filosofía presocrática comezou no século VI a.C. cos tres sabios da escola de Mileto: Tales, Anaximandro e Anaxímenes. Todos eles atribuíron o arché (substancia) do mundo a, respectivamente, a auga, o ilimitado e o aire gobernado pola intelixencia.

Nese río da poeta corre "a memoria da represión" que padeceu a avoa paterna, Estrella, consecuencia emocional do seu home, Manuel

Yolanda Castaño non fala en Materia de espazo, senón de tempo; pero sabemos dende Einstein que o tempo é a cuarta dimensión do espazo, que as cousas son altas, andas e fondas no paso dos segundos, as horas e os milenios. Aristóteles relacionara esas catro dimensións dous milenios antes da Teoría da Relatividade. Escribiu que a característica principal da materia é ser o "fundamento de todo devenir, de todo cambio". Materia define o tempo en función de estados materiais, concretando que o pasado é líquido; o presente, sólido, e o futuro, gasioso.

Esa liña temporal comeza nas súas avoas. "Os antergos son un río subterráneo" que vai canda nós ao camiñar pola superficie da vida. Nese río da poeta corre "a memoria da represión" que padeceu a avoa paterna, Estrella, consecuencia emocional do seu home, Manuel. Corre, asemade, e "a historia de Compostela", que aleita a avoa materna. "Viviu case un século", boa parte do que pasou en Modas Lolita Rivas.

Falo con Yolanda Castaño coma un medium, a través do seu poemario. "Ao teu home colleuno a noite no lugar equivocado", indícalle a Estrella. "Lévancho ao monte do Bolo, escóitame o que che digo,/ Vannos sacando por lotes e Manuel vai no seguinte". A avoa pide clemencia: "A rentes da catedral, mariscaban piedade aqueles ollos". As pregrarias foron atendidas. "E un gran letreiro, enorme, de beira a beira da aldea./ Manuel Castaño Blanco colabora con cien pesetas al movimiento Falange Española y de las JONS".  Cen pesetas e a dignidade foi o prezo carísimo de conservar a vida secuestrada por estar "sempre ao raso no lugar equivocado". Non había agocho porque "fóra arroiaba un franquismo renegrido".

Nótase a complicidade con Alberto cando escribe que "mamá e papá tiveron que afacerse/ a recollernos utopías e blasfemias pola casa coma se fosen pétalos"

Na outra beira do poemario habitan Lolita Rivas, as modas, "as solitarias flanelas duna azul pequeniño,/ beixes amodorrados/, ocres tan reais". Distraen, pero non son un escape. "Levan camisas de ceos nocturnos os alzamentos da sombra,/ nada se fai máis presente que a parte dos outros que non existe".

A estirpe quedou sentada, desvalida, onda o respecto da escritora polos que se apuntaran antes na lista de espera para ser humanos. "Miña avoa modista e non sei coser/ Meu avó foi canteiro e non sei labrar./ Zahorí o meu padriño e auga non topo/ O meu pai mariño e non se navegar".

A poeta concibe o presente, a materia palpable da que coñecemos ancorado na familia. Tanto na familia directa conxénita como na familia estensa que integran os amores. Eses amores inclúen os que se gozan ao respirar e os que aínda palpitan na memoria.

Nótase a complicidade con Alberto cando escribe que "mamá e papá tiveron que afacerse/ a recollernos utopías e blasfemias pola casa coma se fosen pétalos". Nótase a ferida da separación en "o estómago do meu pai/ non dixire ben o tempo,/ marchou un día navegar e leva trinta anos regresando".

Antes xa entendera a lección de Lolita Rivas: "Nunca seremos, avoa, unhas boas amas de casa" que calceten "a horas extras o chal da independencia"

Observo unha foto que respaldou o anuncio público do libro. Yolanda Castaño amamanta a un bebé. El está puro; ela, confusa.
—É un compromiso que a deixou desolada e non sabe qué facer.

A escritora renunciou a ese desconcerto, asume en Materia que nunca será nai. Elixiu a emancipación, descargar as cotas do peso moral da estirpe. Conscientemente. "Cando un fillo nace, una parte da muller morre no parto/ Cada célula familiar é un permiso de obras".

Antes xa entendera a lección de Lolita Rivas: "Nunca seremos, avoa, unhas boas amas de casa" que calceten "a horas extras o chal da independencia". O reloxo biolóxico quedou parado. Ela xa non vai poñer en marcha ese mecanismo de torcas e rodas pequenas de bronce. "A xente devece por multiplicarse/ Eu, dividiríame", polo que asume: "Non serei máis que eu para sempre".

Vén dicir que o proceso continuado e permanente que sostemos de nacer, enxendrar outras vidas e morrer, na ruleta rusa da vida e a morte, é un xeito de eternidade

Sorpréndeme a necesidade de contestar unha pregunta que ninguén está autorizado a facer a unha muller. Un poeta nunca se sentiría obrigado por este asunto, excusaría dedicar un terzo dun poemario a explicar a súa orfandade inversa. Aínda sometemos ás mulleres a esa pregunta de por que non atenderon a reclamación da especie, que tende a procrearse sen pensar nas consecuencias. Eu podería ter interrompida esa cadea por vontade ou por destino, pero sería a miña muller quen debería atender o teléfono das queixas reproductivas.

Hai unha idea do filósofo de Estaxira que me fascina. "O perpetuo producirse da xeración é o máis cercano á substancia". Expresada con esa abstracción eu tampoco a comprendera. A filósofa Edith Hall explícaa no seu novo ensaio La senda de Aristóteles (Anagrama).

Vén dicir que o proceso continuado e permanente que sostemos de nacer, enxendrar outras vidas e morrer, na ruleta rusa da vida e a morte, é un xeito de eternidade. En vez de protagonizala Deus, facémolo nós. Os crentes pensan que esa eternidade fragmentada responde a unha planificación planificada e precisa de Deus, e os ateos contemplámola coma unha fascinante concatenacion de casualidades que se compoñen de milleiros de sucesos ordeados involuntaria e perfectamente. Eu son devoto da marabillosa e clemente divinidade do Azar. Cando veñen mal dadas, rézolle ao santo do Esquecemento.

A nove horas de distancia e cansanzo
Comentarios