martes. 27.07.2021 |
El tiempo
martes. 27.07.2021
El tiempo

Un instante romano de Alberto Comesaña

Cadroume co cantante Alberto Comesaña nunha viaxe a Roma en 2015. Lembro o ano non soamente pola sorpresa de atopar un galego no urinario do Coliseo, senón porque dous musulmáns ametrallaban a liberdade de expresión na redacción do Charlie Hebdó neses días nos que "a tristeza improvisa invernos baixo o sol" (Lucía Aldao
Lucía Aldao e María Lado/NACHO MORÁN
Lucía Aldao e María Lado/NACHO MORÁN

A LITERATURA galega ten un calendario propio, coma os xudeos —están no 5728— ou os musulmáns(1442-1443). En que ano literario vive Galicia? Imposible concretalo. Innovou nos anos 80,pero daquela o tempo literario colapsou. Ninguén sabe onde atopar o engranaxe para darlle corda. O ano literario galego non dá aprobado un presuposto dende hai corenta exercicios. Prorroga o anterior: Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) propón a Ferrín para o Premio Nobel.
Amistades Peligrosas é contemporánea da literatura galega. A diferenza é que Alberto Comesaña e Cristina del Valle saben cando marchan e cando volven. Marcharon en 1998. Agora volven.

Polo menos Comesaña buscaba o protagonismo. Ferrín nunca opinou sobre a súa inevitable candidatura a cear albóndigas con puré de patacas e Carlos Gustavo de Suecia. O smoking sentaríalle ben ao noso poeta, ten boa planta. Tamén me pregunto polo silencio do 49 por cento da sociedade literaria galega sobre o asunto do noso aspirante ao Nobel e sobre todos os outros asuntos. Leo a Rebecca Solnit en La madre de todas las preguntas (Capitán Swing): "O silencio é océano do que nunca se dixo, do inmencionable, do reprimido, do erradicado, o nunca escoitado".

Descubro As Womansplainners, un podcast no que catro mulleres novas e galegas debaten sobre temas de xénero e maternidade. As Womansplainners practican womanpslining, o reverso do mansplainning. Rebecca Solnit é a creadora do termo ‘mansplainning, que define o título do libro que dedicou á condescendencia masculina co outro xénero: Los hombres me explican cosas.

As catro rapazas — formadas e intelixentes, afastadas da percepción de si mesmas como anxo da casa—conversan sobre a falta de mulleres convocadas para opinar, os problemas das mulleres para que se lles escoite opinar, a falta de espazos femininos para opinar. E as catro participantes no podcast deixan que o moderador as conduza.Interveñen cada unha na súa quenda educamente, dubidosamente, inseguramente. Un home nunca espera a que outro acabe a súa exposición. Elas deixan o espazo indefenso ao canibalismo oral.

Desconcértame a súa ilusión. Para min, a Galicia literaria levou un golpe na cabeza nos anos 80 e quedou noqueada

Luís González Tosar mándame unha mensaxe para recordarme que a AELG propuxo a Xosé Luís Méndez Ferrín para o Nobel. Luís preside o Pen Galicia, polo que entendo que respalda a proposta da gran organización de escritores galega. A idea é revolucionaria:

—Concordo integramente Luís. Paréceme necesario que honremos a un dramaturgo da talla de Ferrín.

É noite pecha, corre un vento frío. Temo que o meu amigo non entende a intención nin o alcance do meu respaldo á proposta. Apunta que Ferrín non é dramaturgo, unicamente un poeta maior e un narrador clásico. Deixo morrer o chiste, pero Luís insiste. Desconcértame a súa ilusión. Para min, a Galicia literaria levou un golpe na cabeza nos anos 80 e quedou noqueada.

Ben me sorprende que un colectivo tan inclinado a usar o feminino plural como a AELG propoña irremediablemente un varón de idade adiantada para a consideración da Academia Sueca. Sei de sobra que o colectivo está lonxe de pensar que "o 49 por cento da especie debe casar, e deixar que os homes entren e os bebés saian, como se fose un montacargas das especie", que define Rebecca Solnit. Pero tampouco están cerca de escribir unha candidatura cos nomes de Marilar Aleixandre ou María Xosé Queizán.

O panorama é tan triste que nin temos provocadores. Perroloco esfórzase en Twitter. Charlie Hebdó axitou Francia ata que exterminaron media plantilla. A revista carecía da menor misericordia no escarnio, pero ese non é motivo abondo nin sequera para enviar a Pablo Hasél ao cárcere. A sociedade debe buscar outros xeitos proporcionados e correctores de defender a súa dignidade. Os mozos dedican ben de anos a ir soltando as feromonas da adolescencia e aos esforzos para negarse o amor: «Ás veces penso que loitei para que/ non me gustasen as baladas», recoñece Lucía Aldao.
Alberto Comesaña era un incitador, pero nos 80 aínda estabamos collendo aire tras 39 anos de goberno diabólico. Atopeino, dicía ao principio deste artigo, no Coliseo. Coincidimos na zona exclusiva para homes que queda cerca da zona reservada para as mulleres. Puxénme contra a parede e vin que o cantante de Amistades Peligrosas remataba e marchaba. Ao regreso a Galicia conseguín o seu teléfono por un amigo común e conteille que o vira. Fíxolle graza o encontro e preguntoume por que non o saudara. «Non era o momento prostático», confesei.

Pareceume divertido compartir eses intres tan vulgares co autor de Lo estás haciendo muy bien. Como escritor nunca me pareceu Lawrence Durrell, pero as súas letras andaban entre o vulgar e o irónico: «Hoy voy a ir al grano/ te voy a meter mano».

Sucédeme algo semellante con Ferrín. Gústame máis a poesía que escriben algúns dos seus imitadores. É máis humana.

Con Amistades Peligrosas pásame como con Pablo Hasél. Non me interesan a súas cancións, interésame o debate que xenera nas aduanas da liberdade. No caso da música de Hasél, prefiro a canción na que moitos rapeiros colaboran coa solicitude de que non sexa encarcerado. Teñen bastante máis sentido da melodía.

Sucédeme algo semellante con Ferrín. Gústame máis a poesía que escriben algúns dos seus imitadores. É máis humana. No fondo, eu son un dos lectores aos que apelan Lucía Aldao e María Lado; «unha desas persoas que pensan que os libros de poesía teñen demasiado espazo en branco, follas desaproveitadas, e queren poñerse agora mesmo a escribir unhas odas». Aldao e Lado veñen de publicar o ameno Ninguén morreu de ler poesía (Xerais) baixo o alcume de Aldaolado.

González Tosar recórdame tamén que Ánxel Fole fora proposto pola Asociacion de Escritores en Lingua Galega para o Nobel. Seino. Fole estaba nesta redacción na que escribo. Un cigarro fumegante entre os dedos amarelecidos. Inclinábase sobre o exemplar de El Progreso do día. Botaba unha gargallada, con máis teatralidade que convencemento.

—Que foi, don Ánxel? —interésabase un redactor, posiblemente Maloca, para seguirlle a corrente do chiste.

—Pero que locos están!

—Quen, don Ánxel?

—Estou lendo que a asociación de escritores proponme para o Nobel! Para o Nobel! Si, señor!

E don Ánxel trataba de chuchar no cigarro, pero non podía deter a gargallada.

Trescentos escritores da asociación —algunhas das mellores mentes da miña xeración, que diría Gingsberg— non dan pensado noutro aspirante que o mesmo señor ao longo dos últimos vinte anos, ano tras ano. Imaxino a reunión:

—E que che parece, Cesáreo, se facemos algo audaz e presentamos unha muller.Iso é! Unha muller nova! Mellor dúas mulleres novas! Como se chaman as de Aldaolado?

—Grande idea! Poida que por unha vez os suecos consideren a nosa candidatura por orixinal e nos dean o premio. Ben, ocórreseme Ferrín. Que vos parece?

Seguimos nos 80. En Lugo todavía se acorda a Alberto Comesaña daquela. Veu dende Vigo estudar Agrónomos e marchou co título de fundador de Semen Up. Era habitual velo polas noites marcando o ritmo adiante cos tacóns dunhas botas de equitación e cunha fusta de aguilloar cabalos. Nunca souberon dicirme se parodiaba os neorrománticos ou insinuaba unha lectura continuada do Marqués de Sade. A xente preguntáballe onde deixara o cabalo. Alberto sorría coa actitude do verso de Lucía Aldao: "Ás veces debía ser diós quen lle daba a ‘play’ para que/ soase o mesmo pecado".

Un instante romano de Alberto Comesaña
Comentarios