jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

O mellor paseador de hospitais de Galicia

Son un gran paseador de centros sanitarios. Non vou ser humilde: diría que son un dos mellores paseadores de hospital deste país

PODERÍA DESAFIAR a calquera a camiñar un centro hospitalario galego a dobre ou nada como fixo San Francisco de Asís co sultán de Siria Al Kamil durante a quinta cruzada. Estaban discutindo sobre cal era a relixión verdadeira.Todos sabemos que é a nosa, aínda que non todos creamos nela. San Francisco tamén o sabía, polo que desafiou ao sarraceno infiel a un xuízo de lume. Prepararían un sendeiro de lume polo que ambos os dous camiñarían de par. Quen lograse atravesalo sen acabar coa codia negra e os ollos rebentados sería o crente na confesión certa. Al Kamil era máis sensato.

O martes estiven facendo unha ruta polas urxencias do hospital de Lugo. Adoito visitalo, pero sempre na franciscana tarefa de acompañar. Non son bo acompañador. Mentres agardo polo resultado dunhas probas do acompañado, sufro imaxinando catástrofes no diagnóstico e póñome nervioso. Necesito andar para relaxarme. Daquela calzo as botas, axusto a mochila e lánzome a andar polos inmensos e alleos corredores brancos.

Houbo unha noite na que percorrín cinco ou seis hospitais se temos en conta a distancia cuberta. Foi o 16 de novembro de 2017. Seino porque botei horas e horas escuras escoitando na radio A guerra dos mundos, pero non na versión de Orson Welles, senón na de Donald Trump. As emocións que me producía Hillary Clinton limitábanse á súa intelixencia, o seu progresismo e súa condición de muller, pero facíaseme preferible a un señor irritable e caprichoso. Aquela madrugada estiven oíndo como o respecto e a sensibilidade caían estado a estado,  a fin dunha civilización respectuosa cos todos os cidadáns e atenta aos máis débiles. O exasesor de Trump Steve Bannon xa colleu a ponte aérea e está predicando a barbarie e a mentira no noso continente.

Temos por diante anos de triunfos da Extrema Europa; sabe prometer milagres a electores necesitados máis de emocións que de argumentos. O aspecto máis positivo dos milagres é que non teñen consistencia. Con todo, o propio San Francisco tivo que detelos.

Cando se retirou, en 1220, nomeou como o seu vicario a Pedro Cattani. O substituto morreu aos cinco meses, pero, temeroso de ser esquecido, botouse a facer curacións inexplicables. A súa tumba congregaba tantos devotos que San Francisco debeu rezarlle para que parase quieto.

Ilustran as capas dos álbums con senllos cadros de Giotto (1266-1337), que son 'Estigmatización de San Francisco' e 'San Francisco falando cos paxaros'


Acordei do santo italiano mirando as capas dos dous novos discos nos que os Ataque Escampe recollen inéditos e versións: Ídolos adolescentes (2007-2011) e A vida dos animais (2012-2018). A banda compostelá, tan adorable, deixa fóra os seus primeiros cinco anos nesta revisión da cara oculta da súa carreira. Ilustran as capas dos álbums con senllos cadros de Giotto (1266-1337), que son Estigmatización de San Francisco e San Francisco falando cos paxaros.

O pintor representa descalzo o santo, como adoitaba andar desde que introduciu ese costume en Occidente para os homes. Santa Clara ocupouse de alentar ás mulleres na traballosa xeira de andar sen zapatos. Ela tivo menos éxito porque os seus seguidores logo puxeron sandalias e mesmo zapatos.

Camilo Nogueira (1936) debe ter un bo calzado porque é ben afeccionado a andar montañas. Hai un par de anos que non conduce, pero durante toda a vida fixo rutas de varios días.

Eu, cando neno, sentía admiración polo meu avó. Cando entraba na súa casa, en Bilbao, corría cara a unha vitrina na que tiña un repertorio espectacular de trofeos relacionados cos montañas. Andados os anos souben que non era un titán,senón que aquelas copas douradas se entregaban a todo quen subise unha serie de cumios.

Teño aquí diante, na mesa do xornal, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010) (Xerais), no que Nogueira expón a estirpe nacional de Galicia. O traballo semella documentado e coidadoso, pero está exposto en 730 páxinas, que se fan un everest ao lector. Aínda veño de empezalo. Pode que faga como un irmán do meu avó, que compraba zapatos e llelos daba aos filllos para que llos abrandasen. Pode que llo ceda ao meu sogro, que ten unha capacidade lectora de amplo pulmón.

Sorprendeume saber que Camilo Nogueira é un apaixoado da xeografía, que sabe onde nacen e morre cada río, as confluencias e mesmo fai estimacións dos caudais. Unha das súas afeccións é remontar os ríos ata o seu nacemento. Ten estado en moitas fontes  fluviais galegas e nunhas cantas españolas. Nogueira cumpriu 82 anos. Os seus ollos continúan sendo prodixiosos:
—Asegura que é quen de ver as Cíes dende Fisterra —cóntame unha amiga.

Para o ensaio que publica agora remóntase ata o ano 1480 e vai baixando o curso da historia ata 2010. A tese que artella o seu libro é que Galicia tiña unha gran potencia no Antigo Réxime porque era o país máis poboado da Península e perdeu o paso da Revolución Industrial porque Madrid lle foi negando as decisións propias.

Ataque Escampe describían o país nunha soa canción: 'Galicia es una mierda'


O argumentario de Camilo Nogueira é demorado, preciso e sólido. Ataque Escampe describían o país nunha soa canción. Galicia es una mierda daba título ao primeiro disco, que foi co que namorei deles. "Hei!, que 'Galicia es una mierda' xa o sei,/ con touciño e con queimada tamén,/ non o ves?/ Moi ‘bien’,/ todos os traumas xa chos escoitei,/ pero ti es parvo dabondo tamén:/ non te ves?". Esa é a alma do país.

Unha vez, volvendo de Portugal, anunciei á miña filla que íamos entrar en Galicia. Ela, que aínda salvaba as necesidades cun cueiro, preguntoume que era Galicia. A cuestión parece sinxela, pero non é. A Camilo Nogueira supúxolle setecentas páxinas e aos Ataque Escampe, unha letra. Cada argumentario precisa o seu espazo. A Sara non souben se darlle unha explicación administrativa, cultural, histórica ou falarlle directamente de Luar. Para min Galicia son, sobre todo, os seus poetas enfermos que morreron novos; pero non me atrevín daquela a falarlle á filla de Lois Pereiro e Xela Arias.

Hai unha característica importante que os une: o seu nulo interese polo academicismo, pola institución, polo recital con guitarra na Casa das Tabernas e por ser recibidos por Baltar, sexa este ou aquel. O espírito era case o de Ataque Escampe: "'Cantares Gallegos': Es una mierda./ A vella normativa: Es una mierda./ A nova normativa: Es una mierda./ A reintegracionista: Es una mierda".

Xela Arias (1962-2003) definiu Galicia nun conto: "A pobreza é a negrura da aldea". Tiña dez anos. Veño de lerllo a María Xesús Nogueira, que reuniu a súa poesía para Xerais. A Xela tardei en lela, prefería mirar os retratos que lle facían. Era bela coma unha estrela do techno pop que nos chegaba dende Gran Bretaña nos anos 90.

A escritora deixou os estudos en COU, un momento estupendo para facerse maior de idade á marxe da normalidade. Unha década máis tarde desembocaría en dúas filoloxías e nunhas oposicións, pero antes puido sentir a emoción e a vertixe de camiñar pola incerteza. "Rocei algunha forma de delincuencia xuvenil". Por non ter non tiña nin unha xeración que levar á boca, polo que dicía que "sei que só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega". 

Xela Arias tamén acabou visistando hospitais, "na enfermidade tan gastada das urxencias..."

O mellor paseador de hospitais de Galicia
Comentarios