Opinión

Ouro que se limpaba con pan bendito

Cando entramos no patio hai un home vestido de oso. É unha roupa ancha, peluda e negra. As garras asoman brancas polas punteiras dos pés. O home baixo a besta é calvo e de gafas de carei. A barba parece espesa e alegre. Saúda a cada persoa da barbacoa católica: "Hallo! Hallo!". Un por un, como se cada quen celebrase o seu principio do mundo.
Tren Bernina de Suíza
photo_camera Tren Bernina de Suíza

O oso leva a cabeza baixo o brazo. Unha monxa de cadeira ancha e pernas delgadísimas asa salchichas gordamente rosadas. O viño é un deses brancos frescos perfumados de alcohol que se exprimen nas adegas máis apagadas de Suíza.

O oso, como animal, é fundacional no lugar en que estou, en San Galo. A vila é pequena. Ten unha das bibliotecas historicas máis famosas do mundo. San Galo (550-640), un monxe irlandés, camiñaba por Suíza nun grupo de amados irmáns na fe. Andaban a cristianizar bárbaros, que eran peludos e animistas coma osos. Un día de neve o santo de Irlanda cabreouse. Marchou levado polo primeiro vento toleirán que pasaba. Un oso descubriuno tremendo de frío e levoulle un cacho de leña para que prendese lume.

San Galo estableceuse unha ermida que, no 820, deu en abadía. Os freires benedictinos estaricaban a pel das cabras sacrificadas para escribir nelas con plumas arrancadas ás ocas e aos gansos máis novos para que fosen suficientemente duras. Ao redor deses textos formouse unha biblioteca, que se levantou como edificio barroco en 1768.

Nela hai un orixinal do libro de Copérrnico Sobre as revoluciónes das orbes celestes (1543).Produciuse un eclipse que manchou o ceo palidamente azul de San Galo. Un monxe escribe no libro: "Copérnico estaba equivocado!". O eclipse facía imposible que o Sol xirase arredor da Terra.

A abadía queda a unha carreira de can do lago Constanza. É unha bañeira inmensa cerrada polas fronteiras de Suíza, Alemaña e Austria. Está transitada de turistas continuamente. Van e veñen en barcos, navegan en iates, rodean a auga en motos e desesperan ao intentalo en bicicleta. Trato de comunicame en inglés nos museos, nas librerías de segunda man, nas abadías e nas cafeterías; pero o idioma é  alemán ou non é.

Un terzo da Igrexa católica fundouse na cidade de Constanza, na beira do lago. Elixiuse nela a Martiño IV como papa. Foi nun concilio que durou de 1414 a 1418, antes de que San Galo revelase o seu carácter túzaro aos outros monxes. A Igrexa estaba dividida no Cisma de Occidente. O papa Urbano VI fóra elexido en Roma por presión dos crentes. Un grupo de cardenais considerou que Urbano non podía ser pontífice porque a intervención popular resultara máis determinante que a designación divina. Reunironse en Fonda para proclamar a Clemente VII. Como Urbano se negaba a cesar, Clemente viuse impedido para asentarse en Roma e marchou a Aviñón. Houbo outro concilio en Pisa, onde se destituíu aos dous pontífices e se optou por Alexandre V. Había tres sucesores de San Pedro simultaneamente.

O emperador Sexismundo de Luxemburgo convocou daquela o Concilio de Constanza para o día de Todos os Santos de 1414. Catro anos máis tarde, chegouse á conclusión de que Martiño IV sería papa. Xa que había unha grea de tonsurados na cidade. Decidiron tamén que Johan Huus debía de ser queimado por denunciar que os bispos eran devotos cumpridores dos Sete Pecados Capitais, con intensidade no apartado da luxuria.

As pesadas xornadas de debates teolóxicos daqueles catro anos en Constanza remataban  nas cervexerías locais. Setecentas prostitutas chegaran a Constanza cando se anunciara que reuniría o poder terreocelestial, pero o apuro foi insuficiente. Sexismundo de Luxemburgo, emperador do Sacro Santo Imperio Romano Xermano, escribiu ás súas cancelerías para reclamar outras 1.500 mulleres. Balzac imaxinou a vida dunha meretriz dese concilio catrocentos anos máis tarde, cando escribiu a novela breve A bela Imperia. O escritor francés creou unha muller diante da que se renden "príncipes, señores e arqueiros".

Case en cada rúa hai unha tenda de libros de segunda man nesta zona de fala alemá. Todas teñen un moble con caixóns na entrada cos volumes máis baratos. Con todo, resultoume inesperado camiñar por un caleixón, adornado con grandes bólas de papel de colores vivas, e descubir libros á venda nunha ventá. Había unha ducia de obras tendidas ao longo do alféizar. Un cartel pintado a man pedía 2 euros polos máis grosos e 1 polos que tiñan menos páxinas. O criterio quedaba confiado ao comprador. Ninguén estaba para cobrar. Descubrín un exemplar de Cien años de soledad en alemán. Deixei os 2 euros e leveino.

Dentro do libro había unha carta, tamén en alemán. Unha moza chamada Sabine escribía a un tal Jürgen. Ela está namorada do rapaz e, con lóxica, o desexa fervorosamente. Sabine lamenta non poder ir visitar a Jürgen porque perdeu o traballo. Anda buscando outro. Entre mentres, proponlle que se encontren "o día 12 no Hotel Sterne" para un "encontro quente".Ignoro a cidade e o mes da cita, mesmo o ano. O misterio esténdese a saber se a carta que comprei co libro é un borrador que escribiu Sabine ou Jürgen a recibiu e a gardou na novela de García Márquez.

Cien años de soledad foi traducida por en 1970 como Hundert Jahre Einsamkeit por Curt Meyer Clason (1910-2012). Era un tradutor experto en español e en portugués. Meyer foi o promotor da literatura hispanoamericana moderna no ámbito xermanofalante. En 1937 estableceuse en Rio de Janeiro, onde fixo fortuna como negociante. En 1942 foi encarcerado na prisión de Ilha Grande por espiar para os nazis. Nas horas estensas da cela empezou a traducir. As súas memorias, Ecuador (1986), non revela o motivo de ser condenado. En 1954 regresou a Munich por un período de quince anos, ata que ser nomeado director do Instituto Goethe en Lisboa. Abriu a súa casa portuguesa para os escritores perseguidos pola ditadura fascista de Salazar.

O pintor Otto Dix (1891-1969) entregouse en 1915 como voluntario ao exército do káiser na Primeira Guerra Mundial. Gañou a Cruz de Ferro guerreando contra os franceses coma artilleiro ata que foi ferido no pescozo. A guerra invertiria o seu cerebro. Cada noite soñaba que se arrastraba por entullos de edificios derruídos. Logrou unha cátedra en Dresde ao tempo que comezou a pintar os seus pesadelos, ferozmente inspirados no sufrido no campo de batalla. O seu trazo é dramático, curvo, extremo.

Os nazis retirárono da docencia e confiscaron 260 cadros seus por toda Alemaña, predendo lume a moitos. Logrou agochar varios entre as paredes do seu apartamento de Berlín, que foron recuperados en 2012.

Pasou polo cárcere acusado de participar no atentado contra Hitler de Múnich. Foi encarcerado e novamente remitido á fronte bélica de Francia en 1945. Sobreviviu e retirouse na beira xermana do lago Constanza A súa casa é un museo. Os obreiros que o preparaban descubriron uns murais que pintara nas paredes do soto. A pintura requeríalle todos os espazos en branco.

Esa idea de encher o baleiro para tapar o horror procede do barroco. Conduzo fóra do lago Constanza para chegar a Kempten. Compro outro libro de segunda man: Dovtoievski und The Doors. Apenas sei alemán. Lévoo coma un souvenir.

En Kempten visito a residencia dos príncipes abades. Son a única persoa que espera para ver as oito habitacións que ocupaba o señor. A guía é unha muller loira, de ollos acesos, camisa branca e pantalón negro. Utiliza un punteiro de láser verde. Antes de empezar o percorrido descúlpase: 
—Hai anos que preparara a visita en inglés, pero non veñen máis que turistas alemáns, austríacos e suízos; así que non me acordo.

Fai un esforzo. Explícame os costumes daquel rei bispo que quentaba os pés cun coios do río quentados no lume. A maiores de dormitorio con mantas de armiño, unha biblioteca de douscentos exemplares en latín e francés —notable para o século XVIII— e unha sala de celebracións, dispuña de dúas salas para recibir visitantes. Nunha atendía aos enviados das cortes europeas, do Vaticano e de Avignon, e aos mensaxeiros de colectivos heréticos xudeus. Noutra, aos cónsules honorarios, deputados en comisión rogatoria e políticos orfos de dignidade.

A decoración está habitada por deuses, anxos e santos bíblicos que falan entre eles mentres voan nas alturas das dependencias. A vida nesas salas transcorre no aire. Abundan as molduras douradas:
—Limpaban o ouro con miga de pan mollada en auga bendita —explícame a guía apagando o punteiro.

Comentarios