Rosalía pasea polo seu inferno privado
QUERO DICIR, Gonzalo Gegunde (Ribadeo, 2002) que está afeito a argumentar polos seus estudos e ten a enerxía para cuestionar todo o que lle argumento.A potencia da mocidade é perpetua, existe a cada instante porque nin se crea nin se destrúe. Cando un deixa de ser un rapaz a enerxía trasládase a un corpo máis novo.
O pensador italiano Giorgio Agamben formula esa idea como característica da creatividade en 'Profanaciones' (Anagrama). Agamben fala de Genius, o deus romano que nos ampara no parto, como "un equivalente á idea cristiá do anxo da garda", como un espírito que nos acompaña en todo momento. En vez de aplicalo ao relixioso, el aplícao ao talento. Entende o creativo como unha nube que os artistas saben atrapar. No caso da cantante e músico Rosalía, a rede para capturar nubes é estensísima.
Agamben é un pensador vello. Naceu en 1942. Nótase o seu desgaste en que parte dunhas reflexións ben orixinais, pero que se volven incompresibles na conclusión. Poida que non se explique axeitadamente para un mero afeccionado á Filosofía coma min ou que el mesmo se faga un lío que non sabe resolver.
O último texto do volume fala da relixión. Defínea como "o que sustrae cousas, lugares, animais ou persoas ao uso común, e as transfire a unha esfera separada", é dicir, que as quita do material e as eleva ao metafísico.
A palabra 'relixión' vén de 'religare', ou sexa, unir o humano co divino. Agamben di que procede de 'reler', de ler unha segunda volta "para manter separado o sagrado e o profano'. 'Profanar', recórdolles, é borrarlle o carácter sacro a un obxecto ou persoa; desacralizalo. En Lugo, por exemplo, a Capela do Carme foi convertida nun centro de exposicións artísticas.
No sentido inverso, as discotectas onde soa música tecno, onde os rapaces se pechan a bailar durante varios días consecutivos son nomeadas por eles como 'templo'.
Paréceme que Rosalía fixo un cambio notable na historia da música popular co seu disco 'Lux'. Xa metera o flamenco e a rumba nas grandes correntes de escoitantes ao mesturalo coa electrónica e o trap con 'El mal querer' (2018). Levou esa idea ata a última fronteira con 'Motomami' (2022) ao introducir na fórmula maxistral jazz, bachata e balada. Este último xénero caracteriza a canción 'Hentai'. Hentai son os anime xaponeses de temática pornográfica. A letra deste tema a piano é explícita e anticipa 'Lux' (2025): "Lo segundo es chingarte, lo primero es Dios".
Gonzalo Gegunde cóntame que moita xente da súa xeración, a vintena, rexeita a tese do disco porque o entende como un proselitismo da relixión. Leo a críticos literarios encadrando 'Lux' coa concepción da fe que ten Jon Fosse, o noregués premio Nóbel de hai dous anos. Nada que ver. Fosse séntese como un pecador, como un culpable que busca a cada instante ser perdoado por un Deus que el desexa que sexa compasivo coa súa debilidade. No seu caso, co consumo desmedido de alcohol.
O meu amigo filósofo discrepa desa percepción atopa ao seu redor. Foi el quen me puxo na pista para comprender 'Lux'. Alega que Rosalía cita a Simone Weil como clave de todo o pensamento que sostén o disco. A pensadora francesa (1909-1943) era de familia xudea e de crezna cristiá. Rexeitou bautizarse porque a súa fe era vertical, quero dicir que establecía unha conversa directa con Deus sen intermediación de biblias, sacerdotes, igrexas, parroquias, bispados ou papados; sen aparataxe nin distracción.
Rosalía reivindica o espiritual fronte ao material, a emoción fronte aos sentidos. Os valores sólidos frente á especulación hedonista. Sendo eu ateo e materialista, o seu discurso non me apela. De momento, paréceme unha rica tratando de solventar os seus tormentos persoais. Pero ben, pode ser un paso de cara a abrirse aos demáis. Por outra banda, véxoa tocada pola xenialidade.
Interésame a súa visión feminista da espiritualidade. Vai contra esta onda reaccionaria que padecemos polos criptobrós atávicos e ataca directamente o pensamento das tradewifes, da muller como raíña do pastel de mazá e do aspirador dos anos 50. Rosalía reivindica a santas, que non pasan de ser mulleres benintencionadas que idealizou a Igrexa. Pese a esa imaxe labrada e falsa, as santas de Rosalía son mulleres que se rebelaron dun ou doutro xeito.
A actitude da creadora catalá parecíame resignada e egoísta no sentido de que busca unha redención individual e abstracta para os seus traumas sentimentais. Non atopo ningunha proposta colectiva de avance social, de mellora das condicións materiais en salarios, vivenda e saúde, para as mulleres e os heterodoxos sexuais (Girls and Gays). Entendo 'Lux' escrito por unha persoa decepcionada co mundo, que mira cara ao Ceo buscando unha vía de escape. Ao tempo, pretende amar o mundo e gozar da vida, no seu sentido máis sensual. Parece como se necesitase un descanso para volver ser vitalista.
Esta noite pasada comenteille está lectura do disco á miña filla, Sara. Ela discrepaba. Dicíame que Rosalía, como líder social, estaba servindo como unha guía de salvación para moitas mulleres que están sufrindo unha precariedade sentimental. Despois, pensei en que Sara tiña razón.
Estamos nun contexto de presión social exercida por homes heterosexuais que buscan manter a súa tuación de favor. Non deixan de expresalo cos selfies nos ximnasios e as proclamas ultramontanas nas redes.