Tiren todos os seus libros ao contedor

Fiodor Dovstoieski. EP
Ninguén debería ter libros na casa. Ben sei que case ninguén ten libros. Son recetarios de Roro ou mandangas coach de Llados.

AS BIBLIOTECAS domésticas son un engano. En canto me decatei baleirei a miña casa de clásicos, modernos e fracasados. A estas alturas a miña biblioteca debe de estar triturada e compactada en Sogama, coa mesma apariencia dun libro electrónico.

Amorear libros na casa responde a un complexo do seu propietario, a unha intención de sentirse culto e de facerse fotos con libros de fondo.  Feijóo lanzou este xoves a idea de que a inmigración que fala español e celebra o Nadal é aceptable, en desprezo da que chega da países musulmáns e reza ao mesmo Deus con outro nome. Colocouse diante duns andeis con libros, entre os que vin 'El dardo en la palabra'  de Fernando Lázaro Carreter. Non estaría de máis que o abrise por unha páxina calquera.

Volvo á idea inicial. A miña biblioteca divídese nun terzo de libros que lin, outros dous terzos de libros que estou convencido de que vou ler —un suceso que nunca vai acontecer— e unha presada de libros que asumín nunca lerei. Entre estes últimos, contados atópase 'The Doors und Dovstojewski' de Jonathan Cott, publicado por BTB en 2013. Comprárao daquela, nunha viaxe a Berlín.  Intentei lelo, presumindo que daría comprendido o alemán nun esforzo coordernado entre os meus coñecementos de inglés e a audacia da miña intuición. Empecei a pararme en cada parágrafo, despois en cada palabra e acabei por poñer un partido do Albacete na televisión porque o fútbol me parecía máis comprensible.

Preguntaranse vostedes por que comprei esa obra, unha entrevista  que Cott fixo a Susan Sontag para Rolling Stone. A miña muller non saíu todavía da dúbida e xa pasaron 12 anos. Compreino polo título, porque me gusta Dovstoievski e me gustan os Doors. A Susan Sontag tamén lle gustaban, ambos os dous. Cando o periodista lle pregunta a quen prefire, ela contéstalle preguntándose por que ten que elexir.  A ensaísta racha coa división entre alta e baixa cultura, que exploraría Woody Allen no cinema e que está tan en boga entre os rapaces, grazas a propostas como a de Rosalía, a que fala inglés.

A Dovstoievski descubríno nun manual de instituto escrito por Lázaro Carreter, o que acertou co dardo na diana da palabra. Os seus libros son obras mestras que aínda conservo. Ese texto de aula levou me a descubrir 'Crime e castigo'. Raskólnikov, protagonista desa novela, mata unha prestamista ruín. A Policía forza a un inocente a confesar. O asasino empeza a sentirse culpable e, pese a que nin hai ningunha proba na súa contra, acaba notando tal presión na cabeza que se entrega. O móbil do crime é que Raskólnikov dótase da autoridade por sentirse "superior", igual que hai europeos que se senten superiores aos inmigrantes e diferenzan entre os que son asumibles legalmente e os que non.

Woody Allen moderniza Crime e castigo na película Match point. Un home, Christopher, mata a súa muller, rica, para quedar coa amante. Ao cometer o asasinato mata a maiores a unha anciá. Grazas a iso, un drogradicto é acusado de ambas as mortes. O crime de Christopher queda sen castigo, pero el acaba comido polo arrepentimento.

Dostoievski está nestes momentos no diálogo da modernidade por Os irmáns Karamazov, unha novela de 1880 citada nos Simpsons ou por Ocean Vuong. O escritor era ludópata, depresivo, ansioso. Percorrera tantas veces o seu inferno doméstico que o contou en ducias de novelas. Hai unha esperanza limitada fronte ao modelo de apariencia musculada e reaccionarismo ultra que encarna Amadeo Lladós e fronte á submisión retrógrada de Roro. Non lin a entrevista a Susan Sontag nin os Karámazov. Estou con El adolescente (Alianza).

Está protagonizada por Arkadi, un rapaz que soña con ser rico e pensa que pode conseguilo a base de egoísmo. Arkadi é un un critobro de 1875. Hoxe mazaríase nun ximnasio, investiría en criptomoedas, defraudaría a Facenda, lanzaría fatwas contra os boomers e soñaría cun Lamborghini. Arkadi é un Llados da vida que pensa que a felicidade consiste en muscularse ata o ridículo, tinxir o pelo de loiro e poñerse rico no menor tempo posible. Ao final, Arkadi séntese frustrado e baleiro. Toda persoa cunha certa andaina na vida sabe que a conta corrente alivia, pero non cura.

Fronte a esa ignorancia, temos Os irmáns Karámazov elevado a tendencia en Tik Tok porque fala de alienación, ansiedade, nihilismo e busca de sentido da vida. Os rapaces están perdidos nunha sociedade que lles da unha formación sofisticada, lles ofrece salarios que non se corresponden con esa formación e lles sitúa que nunca cheguen a collela. Están perdidos. Atopan un consolo nos personaxes e nas tramas dun escritor ruso do século XIX marcado por un pai brutal.

Dovstoievski sabía do que falaba nas novelas. Así que, cando tiren os libros que teñen na casa reserven os que escribiu este autor. Abondan para a función dunha biblioteca: comprender a alma humana.