Opinión

Un poema escrito no lombo dun cabalo

Antonio Costa Gómez dá noticia de que o trobador do século XII Guillerme de Aquitania quedou durmido montado no seu cabalo. Ao espertar reparou en que compuxera un poema. Antonio non o conta, pero gravou eses versos a coitelo sobre o lombo da montura. Un escribano pasoullos a limpo.
Antonio Costa Gómez. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Costa Gómez. VICTORIA RODRÍGUEZ

Guillerme de Aquitania interésame dende que lle lin o poema no que evoca unha amante chamándoa Maubergeonne (Perigosa). Foi  un ocioso entregado porque naceu na familia máis nobre do Languedoc e herdou do pai un territorio que superaba en catro ducias de leguas o do rei de Francia. Ía tan sobrado de riqueza que fundou a poesía provenzal e se dedicou á guerra, que concebía como o máis belo deporte ao aire libre. Cando se preparaba para a batalla de Cutanda mandou pintar o corpo de Maubergeonne. Como naceu no 1086 e non deu en morrer ata 1126 tivo tempo de facer o que a primavera fai nas cerdeiras con incontables mulleres. O papa Alexandre III, que era birollo e veloso, excomungouno por amancebarse coa esposa dun nobres que lle servía de vasalo. Nunca saberemos se Guillerme de Aquitania, O Trobador, escribiu o poema a cabalo estando durmido, en trance ou sonámbulo; tampouco saberemos qué versos fixo. Puidera ser o seu respectado Poema sobre a nada, un antecedente da lírica abstracta de hai nove séculos.

O novo libro de Antonio Costa Gómez (1956), Balada del centauro en Compostela parece nacida dun soño, coma o poema de Guillermo de Aquitania. Son unhas memorias alucinadas, incandescentes e sentidas dos seus anos na nosa capital. Unha vez contoume que visitaba unhas tías en Chantada. Aproveitaba para revisar na hemeroteca da súa cociña os números atrasados de El Progreso, coma un historiador curioso de última hora. Costa viviu durante vinte anos en Santiago, un rueiro que repasa na obra a través de estampas urbanas e lembranzas literarias.
—En la Cocina Económica, donde comí durante años, había una monja que se parecía mucho a Torrente Ballester, y en Navidad nos ponía unas galletas y una copita de licor café.

Na Balada do centauro en Compostela volve aparecerse Torrente citado como o escritor que fixo desaparecer a cidade no aire para rematar La saga fuga de J.B.. "Uno se preguntaba adónde iba, como un poeta simbolista se preguntaban dónde mueren los pájaros". A pregunta de Costa Gómez queda sen resposta porque, cando se produciu a santa ascensión era xullo e o arcebispo estaba compartindo un coñac Napoleón no alto da torre da Carraca xunto a un xastre e un par de anarquista novos, arroutados e queridos polo prelado. O bispo era Jerónimo Bermúdez, "sustentador de una herejía que proclama la divinidad del coito, y la relación libre entre hombres y mujeres". O escritor ferrolán percibe Santiago coma un soño: "Compostela se hace en torno a la campana. La campana lo va creando todo día a día, siglo a siglo, sin más que dar las horas. Y la niebla es el caos de donde la campana va sacando las cosas".

Dante soñou reiteradamente con Santiago a forza de non telo visitado nunca. Sabe da cidade por Beatriz, a alma branca da Divina comedia. No capítulo máis estilizado, xa deslumbrados ambos os dous pola luz celestial do Paraíso, ela sinala ao Apóstolo e advírtelle:
—Mira! Ese é o santo polo que se visita Galicia!

En A vida nova, que tamén dedica a Beatriz, denomina "peregrinos aos que van á casa de Galicia, porque a sepultura de Santiago, máis que a de ningún outro apóstolo, está afastada da súa patria", para diferenzalos dos "romeiros, os que van a Roma". Dante Alighieri coñeceu a Beatriz na igrexa de Santa Margherita de Cerchi, en Florencia. Antonio Costa anota que visitou ese templo. A rapaza morreu con 24 anos. Dante meteu o seu corazón nun frasco de vinagre e sal ata que a deu resucitado na Commedia.

Cando eu estudaba en Santiago frecuentaba o Paradiso, que era un pub. Aquel paraíso non estaba no alto ceo, senón abaixo da terra, nun soto de bóvedas. Parecíame unha antiga adega, pero tal vez a súa función fose outra. Imaxinaba as barricas. Imaxinaba o fillo de Guillerme de Aquitania, O Trobador, abrindo un pichel para derramar mencía nunha xarra negra de Gundivós. Ramiro Fonte vivía enriba do Paradiso compostelán. Foi o máis melancólico dos poetas, por iso desembocou en Lisboa para dirixir o Cervantes. Ás veces penso no destino dos orixinais de Pessoa que acariñaba na súa biblioteca persoal.

A xoia bibliográfica máis buscada na Compostela dos anos 90 era o fanzine O Carallo 29, que ilustraba, escribía e editada Chichi Campos. Tardamos séculos en saber que a publicación se imprimira en Lugo segundo se esgotaban os anos 70; cando Chichi traballaba na librería Souto. Isaac Díaz Pardo contratouno  para a galería Sargadelos de Santiago en 1979. A aura de Chichi Campos levou a Carlos Oroza dar un recital nesa galería. Antonio Costa lembra que "Oroza habló como un brujo primitivo en medio de humo, dio vueltas a oscuras por la sala, como si sus versos fueran invocaciones y fueran a aparecer espíritus". O xornal Diario 16 brindou dúas páxinas do  suplemento Disidencias a Antonio Costa para entrevistar ao meigo de Viveiro. Pediulle un encontro, reiteradamente. "Al final, un tipo jesuítico me dijo: Dice que te quieres promocionar a su costa".

A vida sería un páramo sen limóns e soños. Os insomnes son inconsolables na súa vixilia. Poden comer limóns e burlarse da súa cara áspera no espello, pero non dan soñado. A londinense Samantha Harvey conta en Un malestar indefinido (Anagrama) o ano no que daba durmido "por culpa do tráfico nocturno e do Bréxit". Vai describindo as rutinas que preceden ao soño: a temperatura da habitación, a colocación da almofada, os tapóns de cera para aillarse dos ruídos calados da noite. Todas esas "supersticións soamente contribuirán a reducir as posibilidades de durmir" porque "conciliar o soño deixou de ser un acto natural e converteuse nun acto de maxia negra". Samantha Harvey posa para a lapela do libro coa cara dun unicornio desilusionado e pálido. A autora explica que os textos do seu libro "son reflexións; fundamentalmente sobre a falta de soño, pero a morte está siempre presente".

Cando está deitada na cama, cos ollos incapaces de relaxarse, pensa no Ars Moriendi, o ritual para o gran sono. Era un decálogo de consellos recollidos en dous libros que foron encargados no concilio alemán celebrado en Constanza (1414-1418). Nese tempo da Peste Negra, con Europa apodrecendo, a morte era un espanto asumido. Escribe Samantha Harvey: "Nun ars moriendi medieval o moribundo está rodeado de santos e demos, todos rivalizando por ocupar a súa alma". Ela compara esa loita co seu desvelo: "Pecho os ollos e trato de reter a sensación de somnolencia, cuxa chamada segue aí, tras o latexo sincopado do corazón".

A morte de Guillerme X de Aquitania, fillo de Guillerme O Trobador, aconteceu no transcurso da derradeira das peregrinacións que fixo a Santiago. Sentíndose finar pediu ser levado á catedral,onde oficiaba o seu bo amigo Diego Xelmírez. Na misa de Venres Santo do ano 1137 sentara diante do altar maior da catedral. Cando o arcebispo estaba levantando o pan consagrado na eucarístía o alento de Guillerme de Aquitania esvaeceuse. Recuperou brevemente o sentido para pedir que o rei de Francia, Luís VI O Gordo consentise en que o fillo deste, Luís VII O Mozo, casase coa súa filla, Leonor de Aquitania.

Guillerme de Aquitania, fillo do poeta, era Don Gaiferos segundo Murguía. Este afirma no ensaio Galicia que reproducía un relato popular que se contaba no Obradoiro.
—Esperaban al peregrino a la salida de la iglesia apostólica, los cánticos que en sus seis puertas entonaban ciegos y juglares, en torno de los cuales se reunía la multitud. En ellos se declaraban los milagros del Apóstol, los sucesos trágicos del tiempo, los hios en que una fe sencilla se recreaba.

Comentarios